A parcela de 6.440 metros cadrados albergará elementos de xogo, bancos e zonas sombreadas ao deseñarse como unha gran área de esparcemento social
Unha vez rematada a primeira fase do parque infantil de Figueirido, consistente no acondicionamento do terreo, o Concello de Vilaboa licitou a segunda, que permitirá a dotación de mobiliario e elementos de xogo nunha parcela de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel de Fontequente, en Canaval, no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade. Esta superficie é unha concesión administrativa do ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos no que deseñou unha gran área de esparcemento social con espazos adaptados a todas as idades e que se irá acometendo por fases.
Na segunda fase a área de esparcemento ampliarase coa instalación dun xogo infantil para nenos e nenas de 2 a 6 anos, composto por casiña con torre e pasarela; outro para nenos e nenas de 1 a 4 anos, cun muro activo; un bambán (columpio) de dous asentos metálicos e outro con cesta. Esta área de esparcemento contará tamén cun xogo infantil de rede tridimensional piramidal e un xogo de exercicio mediante barras paralelas, ademáis de varias papeleiras.
A primeira fase, xa rematada, incluíu o acondicionamento do terreo mediante estendido e perfilado de terras e creación de dunas artificiais e áreas de xogos, previa demolición do peche de finca existente, con pequenos muretes de contención de perpiaño de granito que farán as veces de asentos. A primeira actuación inclueu o deseño do sendeiro interior do parque formado por unha base granular de zahorra e pavimento continuo de formigón, así como a plantación de 8 fresnos comúns e 8 carballos. A actuación global supera os 60.000 euros de investimento.
Para César Poza, alcalde de Vilaboa, trátase dun proxecto importante e moi ambicioso que reflexa o interese do goberno local por descentralizar e dotar ás parroquias de servizos esenciais. “Apostamos por levar a todas as parroquias prestacións similares e que os rapaces e rapazas dispoñan no seu entorno de espazos de calidade porque eso axuda tamén a fixar poboación”.