Logo de avaliar o desenvolvemento da Proba Piloto realizada pola Xunta de Galicia en Marín coa Orquesta Marbella o pasado 19 de xuño, o Concello de Marín vai a iniciar o reparto das entradas para os Concertos de Dvicio e París de Noia.

Neste caso o aforo amplíase a 1200 entradas para cada evento, repartidas en 3 sectores, calculado cunha superficie de 2 m2 por persoa.

Os concertos volverán a realizarse na zona do aparcamento da Praza de España e volverán a ser de pé, co uso obrigado de mascarilla en todo momento e coa prohibición de beber, comer e fumar en todo o recinto.

Tamén se volverá a repetir o sistema de reparto en modo online a través da web do Concello ou da plataforma Enterticket e presencialmente no Museo Torres de 11 a 14 e de 18 a 21 horas. O reparto iniciarase mañá día 6 para Dvicio e o xoves día 8 para París de Noia.

Para conseguir unha entrada será necesario deixar o nome e o teléfono de contacto co fin de garantir o seguimento das persoas asistentes ao evento en caso de ser necesario por posibles contaxios COVID. O máximo de entradas que poderá coller unha persoa é de 6.

Ambos concertos darán comezo ás 22.30 horas, e as portas ao recinto abriranse ás 21 horas, pero como novidade, ás 22.30 horas anularanse as entradas das persoas con entrada que non accederan ao recinto ata ese momento, de maneira que queden a disposición das persoas que se acheguen ao recinto e que non posean entrada, ata completar aforo.

O Concello desexa que o desenvolvemento da pandemia no municipio permita a realización do evento e incluso a posibilidade de poder ampliar o aforo permitido ata este momento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *