Os concertos de DVicio e da París de Noia finalmente serán sentados. Así o decidiu o Concello de Marín dada a situación sanitaria, cun aumento da incidencia acumulada, que obriga por normativa sanitaria a que os eventos destas características non se celebren de pé. Este cambio vén determinado polo protocolo recomendado pola Xunta de Galicia para a organización de eventos culturais de gran formato.
Estes dous concertos son os únicos para os que é preciso facer unha reserva previa de entradas. No caso de DVicio, abriuse a pasarela de reserva, tanto online como presencial no Museo Torres, esta mañá. Para reservar as da París de Noia será preciso agardar ao xoves ás 11.00 horas.
Debido á obrigatoriedade de facelo sentado, as entradas estanse a dispensar coma dobres, é dicir, por cada cuadriño que se reserva van dúas prazas reservadas. Se este sistema supuxo algún erro ou confusión, aquelas persoas que teñan dúbidas poderán acudir hoxe e mañá ao Concello, ao departamento de Alcaldía, ou ao Museo, para comprobar as súas entradas.
O feito de cambiar a modalidade do concerto de de pé a sentado tamén permite un maior control, polo que foi posible ampliar o aforo de 1.200 a 1.830 persoas en total que poderán entrar a ver o espectáculo, creando fluxos de entrada e saída únicos e seguros para cada parcela do recinto.
O Concello lembra que, para evitar o acontecido na proba piloto, se hai persoas con entrada que non acuden ás 22.30 horas ao concerto, liberaranse esas entradas e poderán ser repartidas entre as persoas que se acheguen ao recinto.
Ao mediodía, xa foran reservados máis de 1.500 asentos.