O Ceip Plurilingüe Domaio.

A caldeira do Ceip Plurilingüe Domaio de Moaña atópase en mal estado pola falta de mantemento, o que provoca que o rendemento calorífico sexa deficiente e iso, á súa vez, pon en risco que os alumnos poidan estar nas aulas sen pasar frío. Aínda que neste momento está a funcionar temporalmente para localizar a avaría, temen que de non poder repararse pasarán os meses máis fríos do inverno sen calefacción. Un técnico enviado pola Xunta está a tratar de darlles unha solución provisional para evitar que así sexa, despois de que a empresa de mantemento contratada polo Concello manifestase que non había solución e marchásese sen alternativa.

Estado do interior da caldeira do Ceip Domaio.

A dirección do centro, alertada polo conserxe, alertou fai uns dez días ao Concello, encargado dos labores de mantemento dos centros escolares, da presenza dun charco no sistema de calefacción. A concelleira de Deportes, Dolores Chapela, informada da situación contestou que debía de ser a Xunta quen se encargase de colocar unha nova caldeira. Ante esta situación, a directora, Paula García, púxose en contacto coa Unidade Técnica da xefatura de Educación en Pontevedra para tratar de dar solución ao problema. Rápidamente, destaca García, enviaron un técnico que, tras abrir a caldeira comprobou que o motivo de que non funcionase correctamente era a falta de mantemento. «Comentoume que as revisións debían de ser mensuais, segundo a normativa de Industria, e durante este 2022 nunca vi á empresa de mantemento do Concello que viñese realizar labores de conservación na máquina», explicou a directora, que asegura que as pezas están refugas e oxidadas por non facerse as reparacións necesarias ao longo de todo este tempo. García reclamou o plan de mantemento ao Concello pero aínda non o recibiu.

Neste momento, o técnico da Xunta está a tratar de localizar a avaría para darlle unha resposta provisional e evitar que o colexio quede sen calefacción mentres se realizan as xestións administrativas oportunas para que a administración competente adquira unha caldeira nova cuxa fabricación tería que ser por encargo porque non se atopan en stocks ao tratarse dunha máquina de gran tamaño. De non ser posible, o Ceip Domaio quedará sen servizo de radiadores, que agora quentan pouco e consomen moito máis do que deberían.

Desde o centro quéixanse da falta de resposta efectiva do Concello ante o risco real de quedar sen calefacción e de que non se realizaron os labores de mantemento que levaron a esta situación exposta á comunidade escolar de Domaio na tarde de onte.

O Concello, a espera do informe de revisións da empresa

Morrazo Noticias púxose en contacto coa concelleira de Educación, que asegura que xa lle requiriu á empresa concesionaria do mantemento un informe con todas as actuacións e revisións levadas a cabo nesta caldeira do Ceip Domaio. Chapela tamén explica que a dirección dos centros debe de chamar a esta mesma empresa no outono, antes do aceso, para a súa posta a punto e que desde ese momento deben de ter un libro de revisións visible na propia sala de caldeiras. En canto á periodicidade das revisións obrigatorias, asegura que dependen da peza que sexa mensual ou trimestral. Sobre o estado actual, a edil mantén que a empresa dixo que «a vida útil da caldeira non ten máis percorrido».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *