- Está previsto que abran sobre 13 furanchos na vila
- Poderán vender os seus excedentes entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño, tendo en conta que só poden ter actividade por un máximo de tres meses
A nosa terra dá unha materia prima excelente para comer e beber da casa. Iso ben o saben os pequenos productores dos municipios galegos, que cando venden os seus excedentes, non hai quen se resista a degustalos.
Esa é a filosofía dos furanchos, unha cultura que está moi viva en Marín. O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, reuniuse recentemente coas persoas que abren este tipo de establecementos na nosa vila, para encarar a nova tempada.
Na vila, os furanchos poderán abrir do 1 de febreiro ao 30 de xuño, “tendo en conta que cada un non poderá exceder máis de 3 meses aberto para vender os seus excedentes de viño”, recordou Novas. Ademais, o concelleiro lembrou durante a reunión que no caso de que algún aínda teña excedentes pasado o prazo da
tempada, poderáselle conceder unha prórroga ata o mes de xullo.
Está previsto que abran os mesmos furanchos ca o ano pasado “e igual tamén algún máis”. Na reunión “quixemos repasar ben a normativa para que se cumpra de xeito escrupuloso e se siga conservando a identidade destes locais, revisando a ordenanza e as tapas que se poden poñer en venta”.
Agora, aqueles furanchos que así o queiran terán que solicitar a licenza ao Concello, que será o encargado de darlle luz verde e que así poidan abrir a súa actividade ao público.