Imaxe do Enterro da Sardiña de Marín nunha edición anterior.

O pistoletazo de saída será o venres, cos Cantos de Taberna, e seguirase esa fin de semana cos desfiles infantil e de adultos. Xa están as bases dos mesmos publicadas na web municipal

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, desvelou esta mañá a que será a programación do Entroido marinense, unha festa “que chegará coma sempre aos distintos puntos do municipio chea de cor, diversión, arte e moita troula”.

Unha das pezas clave do noso Entroido será o Enterro da Sardiña, que se quere seguir achegando ás novas xeracións. Para iso, o Ateneo Santa Cecilia e o Concello organizan charlas informativas sobre esta tradición nos centros educativos, nos que tamén se colocará un velorio que recrea o que se pon na rúa o Mércores de Cinza.

O venres, 9 de febreiro, ás 21.00 horas, arrancamos cos Cantos de Taberna polos bares de Marín, coa colaboración dos Saljariteiros. E o sábado, 10 de febreiro, será o día do Desfile Infantil. As inscricións realizaranse ás 16.00 horas no Palco da Música da Alameda para arrancar coa comitiva ás 16.30 horas. O traxecto comprenderá as rúas Alameda, Real, Praza do Reloxo, Sol, Concepción Arenal e Parque Eguren, onde haberá unha festa infantil ata as 19.00 horas con animación, musica, obradoiros e filloas de balde.

O domingo, 11 de febreiro, teremos ás 12.30 horas animación de Entroido polas rúas de Marín para quentar motores de cara ao Gran Desfile de Adultos da tarde. Ás 16.00 horas, convocarase a todos os participantes na Praza do Regueiro e ás 17.00 horas arrancará o desfile, que pasará pola Avenida de Ourense, a Praza de España, a Rúa Jaime Janer e Concepción Arenal, rematando no parque Eguren coa entrega de premios.

O luns, 12 de febreiro, tocará o primeiro velorio da sardiña, que será colocada diante do Concello por parte do Ateneo Santa Cecilia. Ás 12.00 horas, a Lameiriña acollerá a súa tradicional Festa do Merengue, organizada en colaboración coa Asociación Amigos dos Rapaces e na que participará Pousos da Area. Ás 17.00 horas, seguirá a marcha na Lameiriña coa festa infantil de animación Dolcevita. E para os afeccionados aos xogos de mesa, de 17.00 a 21.00 horas o Museo Municipal Manuel Torres acollerá unha nova edición das Ludoxornadas.

O martes de Entroido, 13 de febreiro, volveremos ter Ludoxornadas no mesmo horario ca onte e ás 18.00 horas haberá obradoiros e xogos infantís na Alameda, con chocolate de balde. Ás 20.00 horas, entregaranse os Premios do Concurso de Orellas e Filloas no local do Ateneo.

Chegado o Mércores de Cinza, toca despedir o Entroido marinense. Ás 17.00 horas, será o velorio do Enterro da Sardiña no Palco da Música e ás 20.00 horas será o Enterro, coa saída da Alameda e percorrido por Jaime Janer, Busto de Abaixo, Dr. Touriño, Rúa do Sol ata a Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, haberá saída pola Rúa Real, Almuíña, Praza de España e despedida ao mar.

Seixo, Bolo do Pote e San Xulián

Pasada a semana grande do Entroido, segue habendo citas importantes no calendario. O Entroido de Seixo celebrarase o 17 de febreiro, coa animación da Charanga Noroeste ás 16.30 horas e con desfile ás 17.00 horas, no que será de novo protagonista a Burra Chirica. Irá dende San Blas ata a Alameda e haberá lambonadas para a rapazada, rematando con sesión de música-baile, organizada en colaboración co Grupo Ronsel.

Unhas semanas despois, o 10 de marzo, si que será o pistoletazo final, con varias actividades. Por unha banda, a tradicional Andaina de Montes e Praias en favor da Aecc de Marín e a celebración ás 12.00 horas da Festa do Bolo do Pote, a cargo de Pousos de Area, na Alameda Rosalía de Castro (trasladable ao Multiusos en caso de chuvia). A xornada seguirá pola tarde, a partir das 17.00 horas, co Desfile de San Xulián, organizado pola Comparsa Os da Caña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *