Infografía del skate park.

A alcaldesa, María Ramallo, fixo un balance das últimas adxudicacións e as que están por vir, referentes ao skatepark do Parque Azul, á Torre do Reloxo da Igrexa Vella e ao entorno do CEIP Carballal

Nas vindeiras semanas, Marín iniciará a execución de varios proxectos esenciais para seguir mellorando a vila en distintos ámbitos. A alcaldesa, María Ramallo, fixo un balance dos proxectos que veñen de adxudicarse e doutros que están a piques de poder estalo, para así iniciar os traballos. Por unha banda, adxudicouse o proxecto de mellora e remodelación do skatepark do Parque Azul á empresa Zona de Obra O Rosal SLU, por un importe de 41.512,10 euros máis IVE.

Un proxecto “que temos moitas ganas de comezar, para o que conseguimos a financiación e que cremos que vai mellorar moito este entorno”, afirmou Ramallo, quen cre que “o deporte urbano e o ocio xuvenil teñen que estar entre as nosas prioridades. O exemplo do Parque Azul é interesante, porque alí xúntanse factores moi interesantes: unha contorna boísima con saída ao mar, canchas de
baloncesto, unha praza na que poder pasear, o parque infantil… Seguiremos tratando de poñer en valor esta zona”, asegurou a rexedora.

Con respecto á preservación e o coidado do noso patrimonio, “temos varios proxectos enriba da mesa que están a desenvolverse”, pero hai un no que pronto arrancarán os traballos, relativo á Torre do Reloxo.

Adxudicado a Construcciones Perfecto Villanueva por algo máis de 34.700 euros (máis IVE), ten por obxecto realizar labores especializadas de conservación e restauración, despois de que xa se actuará noutras zonas do Templo Vello, que é “sen dúbida, un icono esencial do noso pasado e do noso patrimonio eclesiástico”, afirmou Ramallo.

En canto a obras de importancia que están a piques de ser adxudicadas está o proxecto de renovación do pavimento do entorno do CEIP Carballal, que ten un orzamento base de case 48.420 euros e que conta cunha subvención do 60% por parte do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.

“Mellorar a educación pública tamén pasa por crear itinerarios seguros de acceso aos centros e no caso do Carballal tiñamos claro que era unha necesidade. Por iso, con este proxecto ordenaremos esa zona para que poida haber un tránsito peonil máis seguro e para que os vehículos teñan un firme en condicións”, adiantou a alcaldesa. Agora, será o momento de abrir as ofertas presentadas e que a Mesa de Contratación adxudique finalmente a obra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *