Vial polo que discurrirá la senda peatonal.

A actuación, cun prazo de execución de seis meses, conectará Xuncal e O Pazo co cemiterio parroquial mediante un itinerario seguro e accesible, financiado pola Deputación a través do Plan Extra e do Plan Máis Provincia

O Concello de Marín avanza na mellora da mobilidade en Ardán coa adxudicación á empresa Audeca das obras da senda peonil da estrada do Pazo, por un importe de preto de 800.000 euros e cun prazo de execución de seis meses.

A intervención permitirá crear un itinerario peonil seguro e accesible entre os núcleos de Xuncal e O Pazo e o cemiterio parroquial de Ardán, dando resposta a unha demanda veciñal reiterada e a un problema histórico de mobilidade nesta
contorna.

O financiamento articúlase a través de dúas liñas da Deputación de Pontevedra: o Plan Extra, cunha achega de 604.501 euros, e as novas anualidades 2026-2027 do Plan Máis Provincia, con case 260.000 euros.

Unha senda de 2,5 metros de ancho e preto de 730 metros de lonxitude

Na actualidade, os desprazamentos a pé realízanse por beiravías moi estreitas e sen un pavimento regular, unhas condicións que dificultan o tránsito e supoñen un risco para as persoas que percorren esta estrada. O proxecto contempla unha senda de 2,5 metros de ancho e preto de 730 metros de lonxitude, que combinará tramos separados do tráfico con zonas de convivencia de prioridade peonil nos núcleos habitados.

Esta solución permitirá adaptar o percorrido ás características de cada treito e facilitar os desprazamentos cotiáns entre as vivendas e o cemiterio parroquial.

Melloras na drenaxe, na estrada e na contorna do cemiterio

A obra incluirá tamén actuacións na rede de recollida de augas pluviais, coa instalación dun colector subterráneo e sumidoiros. Ademais, melloraranse o firme da estrada, os carrís de circulación e a sinalización horizontal. Na contorna do cemiterio, a intervención permitirá reordenar o espazo coa creación dun paso de peóns sobrelevado e a recolocación de elementos como as marquesiñas, contribuíndo tanto á seguridade dos accesos como á mellora estética e patrimonial da zona.

Continuidade á estratexia municipal de mobilidade sostible

A senda do Pazo de Ardán forma parte da estratexia recollida no Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín, que orienta as actuacións municipais para mellorar os desprazamentos e a accesibilidade.

Coa adxudicación deste contrato, o Concello dá continuidade ao traballo de mellora das conexións peonís nas zonas urbanas e rurais, atendendo espazos que precisaban unha intervención e priorizando a seguridade das persoas que se desprazan a pé.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *