Visita do deputado provincial e da alcaldesa de Marín a Castiñeiras.

O deputado provincial, Javier Tourís: a directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Pilar Vela; a alcaldesa, María Ramallo e a concelleira, Marián Sanmartín, acudiron a unha visita no lago e a contorna de Cotorredondo para comprobar os avances dun proxecto que combina conservación ambiental e inclusión laboral

O Lago Castiñeiras e a contorna do parque de Cotorredondo continúan avanzando na súa recuperación e posta en valor. O deputado provincial Javier Tourís, a directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Pilar Vela, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, visitaron este espazo para comprobar os importantes avances realizados pola Fundación Juan XXIII.

O encontro permitiu coñecer a evolución dos traballos e poñer en valor a colaboración entre a entidade, o Concello de Marín e a Deputación de Pontevedra, que está a contribuír á revitalización dun dos enclaves naturais máis emblemáticos do municipio.

Conservar a natureza e crear oportunidades

A través do proxecto Natura XXIII, a Fundación vincula o coidado de Castiñeiras coa creación de oportunidades profesionais para persoas con discapacidade intelectual. A Deputación apoia esta iniciativa cunha achega de 55.000 euros anuais, destinada a favorecer o emprego en actividades ambientais.

O labor desenvolvido inclúe rozas, limpeza de canaletas, podas, retirada de árbores caídas e eliminación de especies invasoras, ademais de novas plantacións. Son actuacións que permiten mellorar progresivamente o estado da contorna, recuperar espazos para o seu desfrute e reforzar a conservación da súa riqueza botánica.

O Botánico do Lago, un novo impulso para Castiñeiras

A apertura este ano do xardín botánico impulsado pola Fundación Juan XXIII supuxo outro paso na transformación de Cotorredondo. O proxecto incorpora un viveiro para a produción e comercialización de plantas e árbores e un invernadoiro, combinando a actividade profesional coa divulgación e a educación ambiental.

A día de hoxe, tal e como lles explicaron desde a Fundación ás autoridades, o viveiro está funcionando “moi ben, sobre todo esperamos que agora teña un pulo importante no outono” e esperan poder chegar a marzo coa apertura da cantina.

A visita puxo o foco na importancia de dar continuidade a este esforzo compartido, para que a recuperación de Castiñeiras siga evolucionando sobre unha base de conservación, planificación e oportunidades de emprego.

O Concello destaca o traballo da Fundación Juan XXIII e das persoas que o fan posible, así como a colaboración das comunidades de montes e das administracións. A revitalización que está a vivir o lago nos últimos anos reforza o seu valor como espazo de natureza, aprendizaxe, lecer e inclusión ao servizo da cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *