O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu hoxe á presentación do proxecto deseñado polo Concello de Marín que opta aos fondos dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). No acto aproveitou para destacar a importancia das axudas europeas para reforzar a marca Galicia como destino seguro a través, por exemplo, dos 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation asignados a Galicia para o desenvolvemento de accións no litoral respectuosas coa contorna.
O proxecto do Concello de Marín contou co visto bo dos técnicos que participaron na selección, e foi escollido xuntos con outros oito presentados por entidades locais de diferentes cores políticas. Como destacou Alfonso Rueda no acto, todos eles cumprían cos requisitos de calidade, vocación turística en destino ou transición enerxética e dixital que esixe a convocatoria e cuxa filosofía comparte a Xunta de Galicia, de aí o seu apoio á proposta.
O Concello de Marín presentou un proxecto que aspira a mellorar a mobilidade e crear novos servizos para reforzar a calidade deste destino con iniciativas como a restauración do lago Castiñeiras ou a creación de piscinas naturais de auga salgada. Ademais, prevese a construción de sendas para acceder aos areais, carrís para bicicletas e monopatíns electrónicos, estacionamentos para caravanas e aparcamentos disuasorios.
Alfonso Rueda subliñou que o proxecto de Marín encádrase na procura dun turismo sostible que coincide coa oferta que xa tiña Galicia antes da pandemia, pero que logo da crise sanitaria fíxose máis necesario, “convertendo a Galicia nun destino de moda”, subliñou o vicepresidente primeiro.
Rueda incidiu tamén en que a iniciativa cadra coa folla de ruta do Goberno galego para deseñar o modelo de turismo do futuro, na que un dos piares fundamentais é a sustentabilidade e a aposta por un turismo seguro, de calidade e respectuoso coa contorna.