A incorporación dunha persoa moza por nove meses e a xornada completa conta cunha subvención de 16.902,64 euros, cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021–2027
O Concello de Marín incorporou unha persoa moza inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para reforzar a súa área administrativa. A persoa contratadal, que ven de iniciar o seu período de traballo, realiza tarefas de xestión administrativa e de atención ao público nun momento de especial carga de traballo, no que á actividade ordinaria se suman as xestións propias do peche do ano.
O contrato, de nove meses e a xornada completa, permítelle adquirir experiencia profesional na administración local e reforza o equipo municipal que atende as consultas e os trámites da veciñanza.
Cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia concedeu ao Concello unha subvención de 16.902,64 euros, destinada a sufragar os custos salariais e a cotización empresarial á Seguridade Social. A Unión Europea cofinancia o 60 % da axuda a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco do programa FSE+ Galicia 2021–2027.
A contratación encádrase na convocatoria de 2026 para a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Dentro do programa FSE+ Galicia, a actuación forma parte da prioridade de Emprego xuvenil e da medida orientada a mellorar a empregabilidade das persoas mozas desempregadas.

