Acto de recepción do Muiño do Toxal de Vilaba.

O alcalde César Poza comprobou xunto ao presidente de Vaipolorío o seu funcionamento e fai un chamamento ao civismo para a súa conservación

O Concello de Vilaboa vén de recepcionar esta semana as obras de restauración do Muíño do Toxal, situado no núcleo de
Santa Marta, na parroquia de Bértola. Con este acto dáse por concluído un longo proceso iniciado hai cinco anos que permite devolverlle á veciñanza e poñer en funcionamento esta histórica infraestrutura hidráulica, cuxas primeiras referencias documentais xa aparecen recollidas no Catastro do Marqués da Ensenada de 1749.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, acudiu ao acto de recepción acompañado polo presidente da asociación ecoloxista Vaipolorío, Gonzalo Sancho, e outros membros do colectivo, entidade que impulsou e colaborou estreitamente neste proxecto desde os seus inicios. Durante a visita, percorreron a canle para comprobar in situ o correcto funcionamento dos distintos elementos instalados para regular o caudal de auga que chega ao inmoble, así como o axuste e a engrenaxe das pezas mecánicas que garantirán a moenda.

Poza destacou que este fito foi posible grazas á constancia e perseverancia de todas as partes implicadas. Por este motivo, o rexedor non escatimou en agradecementos tanto para Vaipolorío como para a Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños de Bértola polo seu apoio continuo.

Un proxecto integral e un chamamento ao civismo

A rehabilitación do muíño responde a un compromiso adquirido polo goberno local para frear o avanzado estado de deterioro no que se atopaba o inmoble. O proxecto, elaborado polo arqueólogo Benito Vilas para a tramitación dos permisos ante Patrimonio e Augas de Galicia, deseñouse de xeito ambicioso.

Non se limitou unicamente á consolidación da estrutura do edificio, senón que apostou pola recuperación integral da infraestrutura hidráulica (incluíndo a canle) para garantir a súa completa posta en marcha.

A partir de agora, a porta do muíño permanecerá aberta para que todas as persoas interesadas poidan achegarse a coñecer o seu funcionamento e valor histórico. Neste sentido, o alcalde solicitou a colaboración cidadá, facendo un chamamento para que se faga un uso responsable das instalacións e se coide e respecte este espazo rehabilitado.

Unha xoia da arquitectura tradicional

Para César Poza, o Muíño do Toxal é unha auténtica xoia arquitectónica e patrimonial «que fala de nós, da nosa cultura e das nosas tradicións».

Trátase dunha construción pertencente á modalidade de muíño de rego dunha única moa. A edificación, de planta rectangular duns 8 metros cadrados de superficie, está erguida con paredes de cantería irregular, cuberta por un tellado a dúas augas e conta únicamente con dous vanos: o acceso principal e unha pequena abertura para dar luz ao interior. Este sinxelo inmoble acolle no seu interior un complexo dispositivo mecánico accionado pola forza da auga, composto pola presa de captación no río, a levada que salva o desnivel do terreo, a canle e o rodicio (unha roda hidráulica con paletas curvas e eixe vertical encargada de mover a moa).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *