Interior do futuro Auditorio de Marín.

O Pleno da Corporación aprobou o xoves os pregos para poder iniciar nos próximos días a licitación das obras dun dos proxectos máis importantes a nivel cultural para a vila

O Concello de Marín deu onte o paso definitivo para a adxudicación da
construcción do Auditorio, unha infraestrutura esencial e demandada desde hai
anos pola nosa cidadanía que, por fin, será unha realidade que potenciará a
dinamización cultural do municipio.

O Pleno da Corporación celebrado onte aprobou por unanimidade os pregos que
rexerán a contratación das obras, así como o préstamo que solicitará o Concello
para a aportación municipal que lle corresponde.

O orzamento da obra, que ascende a 4.308.400 euros, será cofinanciado con 2
millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e por outros 2 con cargo á
estratexia Marín Dusi (cofinanciada nun 80% polo Fonde Europeo de
Desenvolvemento Rexional da Unión Europea).

Coa decisión tomada onte polo Pleno da Corporación, iníciase o proceso de
licitación que permitirá conseguir á empresa adxudicataria que se encargará de
realizar os traballos de construción do ansiado Auditorio. “Despois de anos de traballo, estamos moi satisfeitos de ter chegado ata este punto, no que por fin podemos ver a cercanía das obras e notar como a construción do noso equipamento socio cultural será unha realidade”, explicou a alcaldesa, que asegura que grazas a esta nova infraestrutura, “Marín poderá dar un salto de xigante no que respecta á dinamización cultural”.

Un “xogo de escamas” con cubertas vexetais, cristal e aceiro
Pola súa ubicación, o edificio está plantexado para integrarse á perfección no
entorno, a Praza de España. Estará semisoterrado, reducindo así a barreira visual e primando a horizontalidade, para que non se distorsione a imaxe da fachada
costeira. Terá unha imaxe dinámica, moderna e integrada ca contorna,
propoñendo un xogo de escamas como as do peixe, nun chisco ao mar e á cultura
mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense.

Fundamentalmente, o exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta
vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro. Será especialmente interesante a
vista que se poderá ter do edificio desde a Alameda, dado que, ao estar máis
elevada sobre o terreo, servirá como miradoiro da superficie do Auditorio, cuxa
horizontalidade permitirá que o ar sexa o último elemento da paisaxe á vista.
Segundo se recolle no proxecto, todos os materiais serán durables e de escaso
mantemento, incluídas as especies vexetais, escollidas coidadosamente pola súa
adaptación ao medio mariño e sen necesidade de regos máis alá da propia chuvia
a e humidade do ambiente.

Un edificio sostible de consumo case nulo

Por outra banda, o Auditorio está proxectado como un EECN (Edificio de
Consumo de Enerxía Case Nulo). Para iso, combinaranse instalacións de enerxía
renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo
enerxético. Ademais, todos os sistemas de servizo contarán cas certificacións
enerxéticas máis altas posibles.

O inmoble contará con amplos aleros na zona sur, que xerarán sombras ao
interior, evitando que a incidencia do sol provoque efecto invernadoiro no interior.
Isto virá acompañado da utilización de vidros de control solar, que teñen a
capacidade de reflectir a enerxía do sol, controlando tamén a temperatura interna
da infraestrutura. No que respecta á iluminación interior, utilizarase tecnoloxía de tipo LED con sistema DALI, que regula a intensidade luminosa en función da iluminación exterior.

Estrutura interna: espazos con múltiples funcións

O deseño do interior do Auditorio está pensado para que teñan cabida todo tipo
de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha
pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo
que poida facer ás veces de praza maior.

A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640
metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres
visualizacións ao mesmo tempo.

A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e
unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete
camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un
espazo total de case 2.000 metros cadrados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *