Entre ambas actuacións, precísase unha inversión de 1 millón de euros para dotar a 34 vivendas destes servizos básicos
O Concello de Marín está traballando en acadar a financiación precisa para executar dous proxectos de dotación de saneamento e abastecemento de auga á zona de Vistalegre-Coirados e á de Cadro-Cadrelo. Tal e como explica o Goberno local, estes proxectos están madurados, listos e contan con todas as autorizacións pertinentes. Entre ambos, a inversión ascende a 1 millón de euros, para os que o Concello está tratando de acadar financiación externa.
No caso de Vistalegre-Coirados, o proxecto dotará de rede de abastecemento de auga e de saneamento a 20 vivendas que están na marxe dereita da PO-313. Esta canalización conectarase co novo colector que se está a renovar no Río Lameira, polo que non se poderá realizar ata que remate esta obra. Para ter aprobado este proxecto, foron precisas as autorizacións de Patrimonio, Estradas, Augas de Galicia e Industria, todas da Xunta de Galicia.
No que respecta a Cadro-Cadrelo, serán 14 vivendas beneficiadas. A actuación contempla a instalación da rede de saneamento e o abastecemento e a implantación dun bombeo de impulsión no caso do saneamento para poder salvar o desnivel existente na zona. Desta parte, foi preciso acadar a autorización de Patrimonio, Estradas e Augas de Galicia.
Ademais, dotarase ao lugar dunha senda peonil que conecte con toda a seguridade viaria os núcleos de Cadrelo e Silvestre con Cadro, completando un percorrido seguro e initerrompido desde Cadrelo ata o centro da vila e cumplindo así unha importante demanda da veciñanza.
O Concello asegura que realizar estes dous proxectos é “prioritario”, polo que seguiranse buscando posibles vías de financiación dos mesmos que permitan levalos adiante e seguir traballando na equidade entre o rural e o casco urbano en canto ao acceso aos servizos públicos.