Unha das alfombras florais da Festa do Corpus de Bueu en anos anteriores.

A misa solemne do Corpus Christi terá lugar o domingo ás 18 horas e nela cantará a Coral Polifónica de Bueu

A ‘Festa das Alfombras Florais 2023’, declarada como de Interese Turístico de Galicia, atópase cada vez máis preto. O Concello, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a veciñanza da vila e de diversos colectivos, celebran esta fin de semana o tradicional evento, no cal os lenzos florais percorrerán as rúas. O domingo, día destinado á conmemoración do Corpus Christi, non será a única xornada na que haberá festexos, pois o sábado á noite desenvolverase unha peza teatral e comezará á elaboración das alfombras florais.

O ceo encapotado non é quen de apagar as cores das flores. A ‘Festa das Alfombras Florais 2023’ chega ao Concello de Bueu para iluminar as súas rúas coa arte efémera. Os días 10 e 11 de xuño son as xornadas encargadas de acoller esta celebración, na cal haberá actuacións teatrais e musicais. Na fin de semana, o gozo e o festexo son os ingredientes principais, pois a colaboración e participación veciñal prolongará o asentamento no tempo da tradicional festa.

A primeira xornada da festa floral dará comezo pola noite, ás 22 horas, co espectáculo ‘Habitarme’, da man da Deputación de Pontevedra. ‘Habitarme’ é unha peza de danza teatro que, tal e como explican dende a fundación ‘Igual-Arte’, trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, deseantes, facedoras, que cuestionan e que se cuestionan, sobre mulleres que desacomodan, que escollen moverse e buscar outros modos. A peza forma parte da fundación artística integral, Igual-Arte, acolle a persoas con capacidades diferentes e xurdiu no 2002 baixo o cometido de abrir un espazo no cal as persoas con diversidade funcional puidesen expresarse de maneira artística. Pola medianoite comezará a elaboración das alfombras florais por parte da veciñanza e colectivos, os cales solicitaron o material a través dun formulario creado polo Concello. Os tapices florais elaborados integrarán as rúas da vila e serán contempladas pola procesión, a cal sairá dende a Igrexa de San Martiño e continuará polas rúas Ramon Bares, Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti, rematando en Santan. Neste percorrido haberá catro altares.

No domingo desenvolveranse os actos relixiosos. A última xornada da ‘Festa das Alfombras Florais 2023’ dará comezo ás 18 horas, coa celebración da misa solemne do Corpus Christi. Neste acto, cantará a Coral Polifónica de Bueu. A continuación, desenvolverase a tradicional procesión desta festividade, que estará acompañada pola Banda de Música Artística de Bueu. Pola noite, seguirá o festexo coa actuación da orquestra pontevedresa ‘La Oca Band’, ás 21 horas, no aparcadoiro das Lagoas, que traerá ritmo e diversión á vila. Esta actuación pechará unha fin de semana marcada pola tradición, a colaboración e o goce.

Plan de mobilidade da ‘Festa das Alfombras Florais 2023’

Por mor da celebración da Festa das Alfombras Florais, o Concello informa á cidadanía dos cortes de tráfico que se efectuarán ao longo do sábado día 10. Os tres espazos afectados serán a Rúa Pazos Fontenla, a Rúa Montero Ríos e o aparcadoiro das Lagoas. Na Rúa Pazos Fontenla e na Rúa Montero Ríos, nos tramos que van dende os cruces con Eduardo Vincenti ata Francisco Escáneo, estará prohibido aparcar dende o sábado ás 15 horas, exceptuando os garaxes. A circulación nestes puntos estará restrinxida dende o mesmo día ás 19 horas e abrirase ao tráfico o domingo despois do remate dos festexos. O aparcadoiro das Lagoas, espazo no que actuará a orquestra ‘La Oca Band’, estará pechado dende o sábado ás 15 horas ata o remate da verbena.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *