Sobre as doce e media desta pasada noite, unha muller resultou ferida en Bueu despois de colidir o vehículo que conducía contra un camión do lixo, cando circulaba pola estrada do cemiterio, á altura do número 92. Por fortuna, aínda que nun primeiro momento sospeitábase que a muller podía estar atrapada e ferida no interior do vehículo, o seu estado non parecía revestir gravidade, ademais, segundo indicaron os Bombeiros do Morrazo, que acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia, a condutora estaba totalmente liberada e accesible, polo que, non foi preciso excarcerar.
Foi a Policía Local quen chamou ao 112 para informar do accidente. Indicaba que eles, os axentes, foran alertados por un particular e que lles advertiran de que se trataba dun accidente grave entre un coche e un camión de lixo.
Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Morrazo e dos axentes de Tráfico. Tamén foi precisa a intervención do persoal de mantemento da vía.
O persoal sanitario encargouse da evacuación da persoa ferida.