As malas condicións meteorolóxicas están a complicar os labores de procura dos 11 desaparecidos do Villa de Pitanxo en augas de Terranova, en Canadá. Segundo informa Salvamento Marítimo, a pesar de que hai ondas de máis de cinco metros, vento, neve e unha sensación térmica de -17 graos, un 1 avión, 2 helicópteros,1 fragata,1 buque de bandeira canadense, 1 pesqueiro español e 2 pesqueiros portugueses traballan para localizar ao resto da tripulación. Ata o momento, dos 24 tripulantes, rescatouse a 3 sobreviventes, os corpos de 10 persoas e hai 11 desaparecidos.
A información desde Canadá chega a Galicia a contagotas. Sábese que dous dos tres sobreviventes son veciños de Cangas. Trátase de Juan Padín e do seu sobriño Eduardo Rial. Tamén de Cangas é Raúl González, do que polo momento non se sabe o seu estado. Tampouco hai noticias de Fernando González, o moañés de 53 anos, veciño da parroquia de Tirán.
De Marín son Pedro Herrera Couso, de 29 anos; Jonathan Calderón, de 39; Samuel Kwesi, de 30; William Arévalo, de 37, Martín Quino; Edemon Okitu; Ricardo Arias, de 46 anos e veciño de Loira; Michael e Francisco De Pazo, de 70 anos. Ademais dun veciño de Beluso, en Bueu, outro de Vigo, Cambados e Canarias.
Durante o día de hoxe estanse levando a cabo numerosos actos. Ás 11:00 horas celebrouse un minuto de silencio en todas as delegacións da Xunta en memoria dos falecidos no naufraxio e ás 12 convocouse unha reunión de urxencia dos alcaldes de Cangas, Moaña, Bueu e Marín co presidente do Porto de Marín e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Ademais, a nivel municipal, Marín ás 10:00 horas desta mañá puxo as bandeiras a medio mastro e esta tarde convocou un pleno extraordinario cun minuto de silencio. En Cangas tamén decretouse un minuto de silencio ás 11 as portas do Concello.
Á espera de novas noticias, os rexedores dos catro municipios puxéronse ao dispor da administración autonómica e das familias para todo aquilo no que poidan axudar.