Acto simbólico ás portas do Concello de Vilaboa.

O faladoiro “Andar cos tempos” analiza este sábado os estereotipos de xénero no baile e na música tradicional

O Concello e a Asociación de Mulleres de Vilaboa elaboran conxuntamente un ciclo de actividades a desenvolver ata mediados de decembro e que teñen como fío condutor a loita pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas.

Unha subvención da Deputación de Pontevedra complementada cunha aportación do Concello de Vilaboa permitirá levar a cabo os actos previstos no programa do Festival Artístico das Mulleres Rurais integrado por seis propostas culturais prantexadas desde unha perspectiva de xénero e co obxectivo de seren un referente para que as mulleres de Vilaboa se reencontren con compañeiras da infancia ou doutras parroquias e creen redes que fortalezan as súas relacións sociais.

Esta foi a idea prantexada por Andrea Calsamiglia e Lucía Arosa, portavoz da equipa de coordinación de Mulleres de Vilaboa na reunión mantida coa concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, e co alcalde, César Poza. “Entenderon o concepto desta proposta e puxeron os locais municipais a disposición destas actividades, asumindo tamén a aportación económica que nos facía falta para completar o orzamento”, dunha iniciativa na que as Mulleres de Vilaboa levan traballando dende hai seis meses.

O programa, que arrancou esta semana cunha actividade de narrativa oral a cargo de «Tarabela creativa» para crianzas no colexio de Riomaior, continúa este vernes cunha asamblea aberta do colectivo feminista no local social de Figueirido á que Lucía Arosa convida a asistir a todas as mulleres do concello e segue o sábado, día 20, co faladoiro “Andar cos Tempos”. Será no local da Canteira, en Paredes, de 17 a 20 horas e correrá a cargo de Chus Caramés e Carme Campo. Estas dúas profesoras de música tradicional falarán de estereotipos sexistas na música e no baile e cunha perspectiva de xénero analizarán se as tradicións son estáticas ou dinámicas e van cos tempos e reflexionarán sobre que legado queremos deixar a que nos segue.

O programa complétase cunha concentración o 25N, un guateque para mulleres o sábado 11 de decembro nas Canteiras e unha obra de teatro o domingo 19 na casa de cultura de Riomaior.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *