Mapa co trazado da senda.

A Deputación Provincial financiará en solitario os 500.000 euros de custe da obra para mellorar a seguridade nun vial provincial de dobre sentido e sen beirarrúas

Unha senda peonil de 636 metros de lonxitude rematará cos problemas de seguridade peonil no ramal de acceso á igrexa de Figueirido. A estrada, a EP-0104 de titularidade da Deputación de Pontevedra, ten dobre sentido de circulación e carece de beirarrúas. Tras varias conversas mantidas polo alcalde de Vilaboa, César Poza, cos responsables de Infraestruturas e de Mobilidade do ente provincial acordouse como solución máis favorable para a mellora da seguridade viaria neste tramo a construcción dunha senda de formigón coloreado que protexa aos viandantes dos riscos do tráfico rodado.

A actuación, que supera o medio millón de euros de investimento, será asumida na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra a través dun convenio co Concello, que lle cederá os terreos necesarios para acometer os traballos. Ademáis das obras de pavimentación e construcción da senda, a actuación inclúe un sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición de aqueles servicios afectados pola execución das obras.

Ademais, levaranse a cabo unha serie de actuacións que teñen por obxecto mellorar as características da estrada en beneficio da seguridade e comodidade dos usuarios, como son a mellora das actuais paradas de bus mediante a disposición dun espazo reservado para tal fin fora da calzada. Rehabilitarase o firme nos tramos máis danados; delimitarase o espazo de plataforma de estrada que actualmente presenta anchos de carrís dispares; disporanse pasos de peóns sobreelevados; dotarase dun treito de calmado de velocidade nas inmediacións do cemiterio de Santo André de Figueirido, onde se deseña unha zona de convivencia e unha praza con prioridade peonil.

A obra inclúe tamén a mellora da fronte das parcelas con edificacións localizadas na marxe esquerda, que actualmente se atopan pavimentados con distintos materiais, diferentes estados de conservación, irregularidades e pendentes moi dispares e a mellora dos actuais dispositivos hidráulicos localizados na marxe esquerda da estrada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *