O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presenta o Eixo de Mobilidade Sustentable na PO-546. Reforma da estrada vella de Pontevedra- Marín.

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o investimento da Xunta de case 10 millóns de euros para transformar a vella estrada autonómica entre Pontevedra e Marín (PO-546) nun Eixe de Mobilidade Sostible que inclúa sendas peonís e ciclistas e que mellore a seguridade viaria da veciñanza. “Damos un paso moi importante e fundamental para facer transitable unha zona que non o era”, enxalzou Rueda durante a presentación deste proxecto, do que puxo en valor que o obxectivo é humanizar esta vía de comunicación para que os peóns gañen terreo aos vehículos á vez que se realizan actuacións para mellorar a seguridade vial nesta estrada pola que transitan cada día ata 5000 vehículos.

Para iso, estanse executando as obras da primeira fase de remodelación da zona da Estribela en Pontevedra e o vindeiro mes licitaranse as obras para a segunda fase, cun investimento total de 1,35 millóns de euros neste treito. Ademais, tamén en abril vaise licitar o proxecto de execución de melloras nos 3,5 quilómetros que separan Os Praceres e Mollabao.

Deste xeito, destinaranse case 6,7 millóns de euros a mellorar a seguridade viaria con pasos de peóns máis seguros e beirarrúas máis anchas; remodelaranse paradas de autobús; habilitaranse sendas peonís e ciclistas e instalarase un miradoiro e zonas verdes. Ademais, o Eixe de Mobilidade Sostible Pontevedra-Marín rematarase con novas actuacións nos treitos urbanos de Marín (1,12 millóns de euros de investimento) e a instalación dun aparcadoiro disuasorio en Pontevedra que terá 71 prazas de estacionamento e ao que se destinarán 510.000 euros. Remate entre finais de 2024 e principios de 2025.

O mandatario galego apuntou que o obxectivo é que todas as actuacións estean rematadas entre finais de 2024 e o primeiro trimestre de 2025 para “unir definitivamente” dun xeito “humanizado” Pontevedra e Marín, xa que lembrou que estas vilas e as súas poboacións “sempre estiveron unidas, pero faltáballes unha vía que non fora só para vehículos e que contase con seguridade viaria”, concluíu.

Este tipo de actuacións de humanización de vías tamén se están levando a cabo nas cidades de Ourense e Santiago. Así, a Xunta promove a mobilidade sostible a través doutras medidas como as bonificacións de ata o 50 % no prezo dos autobuses urbanos; a tarxeta Xente Nova que permite que os menores de 21 anos viaxen gratis nese transporte; a instalación de aparcadoiros disuasorios ou a Estratexia Galega de Mobilidade que busca reducir un 30 % as emisións derivadas do transporte no 2040.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *