O alcalde solicitará unha reunión coa conselleira para demandar unha actuación urxente na PO-264, unha estrada autonómica sen beirarrúas e cun incremento de vehículos pesados

O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo unha reunión co Xefe Territorial de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para abordar a situación da única estrada autonómica que atravesa Vilaboa, concretamente á altura de Paredes.

Trátase da estrada PO-264, que une Paredes con Arcade por un vial secundario, que presenta unha acusada inseguridade para a circulación tanto peonil dos veciños e veciñas de Vilaboa como do tráfico; un vial que rexistra un incremento considerable do tráfico de vehículos pesados o que eleva o risco para os viandantes.

César Poza acudiu á reunión con diversas propostas de actuación inmediata, entre as que destacan as de calmado de tráfico coa instalación de lombos nos lugares de maior risco para forzar a redución da velocidade onde hai maior circulación peonil, que coincide coa delimitación do núcleo rural de Paredes.

Solicitou tamén o ensanche do vial e a construcción de beirarrúas ou sendas de seguridade peonil, como mínimo nunha das marxes da estrada e a conexión peonil entre o trazado da estrada autonómica PO-264 e a estrada estatal N-550 para posibilitar a conexión coas restantes vivendas e equipamentos ao leste. Sen embargo desde a Xefatura Provincial de Infraestruturas remitiron ao alcalde directamente á Consellería ao tratarse dunha actuación que excede as competencias do departamento provincial.

César Poza solicitará de inmediato unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e daralle traslado da situación de inseguridade que se rexistra no mencionado vial. “Levamos desde principios deste ano solicitando á Xunta que actúe no tramo desta estrada que pasa por Vilaboa; queremos que fagan un estudio da situación e que asuman a súa responsabilidade para garantir a seguridade neste trazado”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *