Ramallo e Novas durante a visita a Seixo.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro Pablo Novas, acompañados do técnico municipal e da empresa construtora visitaron as obras da contorna do mercado de Seixo para comprobar a evolución dos traballos. Puideron observar que a axecución está «bastante avanzada» e «cumprindo os prazos que inicialmente estaban establecidos».

As instalacións subterráneas correspondentes á renovación de todos os servizos (redes de saneamento, abastecemento, iluminación, rega, soterramento de liñas de electricidade e de telecomunicacións) están executadas, a falta do cruzamento da avenida Dr. Otero Ulloa (PO-551) e as súas conexións nas beirarrúas, que levará a cabo durante a segunda semana de agosto.

Os muros que delimitan e conteñen a nova praza xa están preparados, só queda pendente a colocación da varanda de 90 cm de altura na parte superior para protexer o desnivel entre o vial posterior da praza e esta.

O pavimento das beirarrúas da Estrada O Grupo Escolar e do lateral do Mercado con Camiño Vello, así como a nova praza, execútase con laxas de granito. Uns traballos que tamén están moi avanzados. A calzada deste vial, a nivel coas beirarrúas, xunto co vial posterior á praza, pavimentos ambos de formigón con acabado semi-pulido, está previsto que queden executados a finais do mes agosto.

A electricidade

As xestións coa compañía de electricidade para o desprazamento do transformador ao interior do Mercado Municipal están en marcha. O cableado de media e baixa tensión será renovado e instalado nas canalizacións que quedaron construídas baixo os pavimentos. Unha vez posto en servizo o transformador na súa nova localización retiraranse todos os postes e cableado aéreo que actualmente hai nesta zona, retirando así mesmo, a caseta existente en avenida Otero Ulloa.

A iluminación, parte do cal se instalará sobre columnas e parte en fachada, é unha parte de obra de rápida execución, a levar a cabo no mes de setembro.

As obras remataranse cos elementos de mobiliario urbano, como bancos, fonte, papeleiras,… e xardinería, que inclúe arboledo na rúa Estrada O Grupo Escolar e na praza, e xardineiras con diferentes especies coidadosamente escollidas na praza e lateral do Mercado, estando previsto para finais do mes de setembro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *