Exterior do CPI O Toural de Vilaboa.

Co periodo de prematriculación aberto para o vindeiro curso o Concello de Vilaboa insiste na súa campaña de defensa da educación pública de calidade que se imparte nos centros do municipio co obxectivo de animar ás familias á escolarización en Vilaboa desde Infantil ata a ESO. “Temos a inmensa sorte de contar nos diferentes centros con equipos profesionais con profunda vocación docente e iso tradúcese no dinamismo que imprimen nas aulas e na posta en marcha de programas innovadores de resultados contrastados”, explica César Poza, que en febreiro remitiu unha carta a toda as familias con menores en idade de iniciar a Educación Infantil para que optasen polo CRA de Vilaboa, diferenciado en cinco aulas que dan cobertura a todo o territorio municipal e que se diferencia, entre outras moitas cousas, polo fomento da interrelación do alumnado co medio no que se encontran.

Esta diferenciación exténdese aos outros dous centros do municipio: o colexio Plurilingüe de Riomaior e o CPI Toural, o único que imparte Educación Secundaria  Obrigatoria (ESO) polo que canaliza os avances acadados en etapas formativas anteriores. Clara Dias, orientadora deste centro, ofrece un dato significativo. Máis do 90% do alumnado deste centro que o ano próximo cursará un bacharelato científico son mulleres. Unha elevada porcentaxe que a xuizo do equipo directivo ten moito que ver co traballo feito de xeito constante con programas de igualdade nas diferentes etapas, rompendo mitos limitantes e reforzando as capacidades das nenas para que perdan o medo a cursar estudos tradicionalmente elexidos polos nenos, as coñecidas como carreiras STEM.

Dias é tamén a coordinadora de Innova, un proxecto que engloba Convívete, Emociónate e Iguálate, centrado precisamente en romper teitos de cristal. “Entre as moitas actividades que desenvolvemos, co alumnado do último curso da ESO organizamos dúas visitas que lles axudan a orientar a seguinte fase da súa formación; unha é ao IES Torrente Ballester para os que queren facer bacharelato e a outra é un centro de formación de Vigo especializado en ciclos profesionais sen moita presenza de mulleres, e para as que reservan prazas”.

Un programa, explica, íntimamente relacionado co Emociónate, no que o equipo docente axuda ao alumnado a xestionar as súas emocións pero sobre todo a mellorar as súas habilidades sociais e as súas competencias relacionais. “Todo forma parte dunha formación conxunta que, no caso das mulleres, axudaas especialmente a conseguir obxectivos”.

E para reforzar ese concepto de autosuficiencia está Beatriz Martínez, coordinadora de programas internacionais e das escolas Unesco, da que o CPI forma parte. Da man do traballo que lidera esta profesora de inglés o alumnado ten a oportunidade de viaxar cada dous anos a Estados Unidos e entre medias, como este curso, irse a Alemania cunha viaxe subvencionada en parte no que por riba da inmersión lingüística está a convivencia con adolescentes de outros países. E nesta liña está tamén o proxecto Erasmus+, que xa desenvolveron en máis dunha edición co escolas doutros catro países europeos e que confían en poder repetir este ano.

O dominio do inglés é unha das claves formativas para Beatriz Martínez, que de xeito gratuito para o alumnado ofrece unha hora de reforzo neste materia xunto cunha auxiliar de conversación americana que prepara a nenas e nenos para eliminar barreiras limitantes á hora de escoller a súa formación futura.

A inmersión lingüística é tamén o fío conductor dos incontables programas que se desenvolven no Plurilingüe de Riomaior, que utilizan a reciclaxe e a economía circular, a horta escolar, a aula de informática, a música, o baile, a educación emocional ou a exploración da contorna como base na que apoiar a programación de cada ciclo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *