Susa cos nenos na matanza.

María Otero, Susa, recibe o galardón como recoñecemento a unha vida adicada ao traballo moitas veces “pechado tralos muros dunha finca”

María Otero Otero, Susa, amosouse sorprendida cando hai uns meses o Concello de Vilaboa lle comunicaba que era a elexida para recibir o Premio 8M na súa segunda edición, un galardón co que o goberno local recoñece a labor anónima de tantas mulleres rurais. Considera, e así o compartiu con todas as persoas asistentes á entrega, que “non fixo nada de especial para merecer este premio”, salvo traballar, dentro e fóra da casa, cultivar o seu agro e formar unha familia con tres netos que hoxe a acompañaron nun acto cargado de emoción ao recibir a estatuilla da colección “Muller das Salinas” creada por Irene Silva Xiráldez para este Premio.

E é precisamente esa “normalidade” a que tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, quixeron visibilizar, reivindicando ambos máis atención por parte das administracións para as mulleres do rural.

“Queremos poñer o foco da atención pública precisamente en todas elas a través de Susa, para que os veciños e veciñas de Vilaboa poidamos reclamar atención para as mulleres do rural, atención para as mulleres coidadoras, que sacrificaron a súa vida polos demais, para que sexamos capaces de construír entre todos e todas unha sociedade de coidados públicos”, apuntou César Poza, quen insistiu en que “estamos hoxe aquí, para homenaxear este ano a Susa, unha muller traballadora, a pesares de que unha parte importante da súa vida está dedicada a un traballo non remunerado e non recoñecido, unha muller como tantas outras de Vilaboa e de outros entornos rurais de Galicia, que non foron durante moito tempo obxecto de atención por parte dos poderes públicos, cuxo traballo e sacrificio quedou pechado nos muros das súas fincas, nas paredes das súas casas”.

Carmen Gallego pola súa parte remontouse ao século pasado para recordar que reivindicar unha sociedade que aporte aos seus individuos os coidados e servizos que, en razón das súas características precisen. “Daquelas reivindicacións laborais materializadas no sindicalismo obreiro, pasouse a reivindicacións feministas para a socialización do traballo doméstico, da educación pública e dos servizos sociais”, sinalou.

Máis alá da vistosidade da celebración do 8M, para Carmen Gallego é preciso liberar ás mulleres do traballo no fogar sen compensacións. “Non se pode asumir mansamente a inevitabilidade da organización familiar milenaria, con remendos do tipo “agora os homes axudan na casa”. Defendeu tamén que debe ser a sociedade a que debe garantir os dereitos coas inversións en servizos e institucións sociais e non deixar á responsabilidade privada (de familias e empresas) protexer a maternidade e o traballo das mulleres.

“A esta reivindicación, dada a figura da homenaxeada hoxe, queremos dedicar este 8 de Marzo dende o Concello de Vilaboa. Susa é un vivo exemplo do que acabamos de describir e con esa xeración ten que acabarse a descarga nas costas das mulleres da responsabilidade de construír unha sociedade máis xusta e mais igualitaria, obriga das institucións”, concluíu.

O acto contou tamén cun apartado musical da man da Aula de Piano da Escola de Música de Vilaboa dirixido pola profesora Michelle Pena González coa interpretación de catro pezas no programa “En clave feminina”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *