A concelleira e ARELA nun encontro.

O obxectivo é que os/as adolescentes poidan vivir unha tempada nun ambiente socializador e positivo co fin de mudar condutas nocivas

ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra, cuxa finalidade é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo).

Durante este 2022 están a buscar os apoios dos diferentes concellos de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen diferentes puntos do territorio. Precisamente hai uns días Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, reuniuse con Julio Barreiro, Director da Asociación Arela, e con Eva Piñeiro, técnica do Programa, para acordar a colaboración do Concello de Bueu na difusión e achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan xurdir novas persoas ou familias interesadas neste municipio. En anteriores campañas de difusión do CONVIVE.COMigo realizadas neste concello, tense recibido interese por parte da poboación, agardando que nesta campaña os resultados volvan a ser positivos.

A través do programa CONVIVE.COMigo búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo, permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade… Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia e cursos de carácter xurídico.

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento con acompañamento de profesionais, e un financiamento de 40 € diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa. Dende a Páxina web de ARELA ( www.arela.org ) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37,
ou a través do enderezo electrónico convive@arela.org . ARELA é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *