Imaxe da Reguifesta de Beluso.

O Concello de Bueu celebrou a pasada fin de semana a Freguifesta de Beluso, que tivo lugar no Parque Joe Novas da parroquia e que contou con actividades para a cativada, actuacións musicais e artísticas e na que se homenaxeou ás Mozas e Mozos de Beluso, un colectivo que traballou pola recuperación das verbenas e das festas nesta zona. Tras este éxito, o programa de freguifestas continúa a próxima fin de semana na Illa de Ons, onde tamén están programadas actividades musicais e unha homenaxe á veciñanza.

O programa arrancará o sábado pola noite, cando entre as 19 e as 22 horas se poderá ver a proxección continuada do vídeo resumo da Freguifesta 2021, e xa pola noite, actuará o Dj Pedro Campos.

O domingo será o día grande, e ás 11 horas presentarase o libro Até aquí podo contar. A fala da illa de Ons, que vén de publicar a editorial Chan da Pólvora coa colaboración do Concello de Bueu. No acto intervirán José Manuel Dopazo Entenza, veciño bueués e autor da obra, Francisco Fernández Rei, membro numerario da RAG e catedrático da USC, e Antón Lopo, editor de Chan da Pólvora. Esta publicación recolle de forma divulgativa un estudo da fala da Illa de Ons e acompáñase de fotos históricas que tamén se expoñerán en tamaño grande ese día.

A partir das 11.30 h haberá unha ruada con Mariachis Noche de Ronda e Trébede, e xa ás 12 horas terá lugar a homenaxe veciñal polas festas a Adrián Ferrer Reboiras, Estrella Pérez Porto e Iván Pérez Porto. Ademais, pola posta en valor de Ons, vaise recoñecer á poeta Míriam Ferradáns Ferradás e a Tino Pardellas de Blas “Tinón”. A continuación serán os oficios relixiosos na honra de San Xaquín e o grupo Trébede poñerá a música e o baile tradicional. A festa rematará ás 17 horas coa actuación do grupo Cantometrics.

Na programación colaboran a Asociación de Amigos e Amigas de Ons, veciñanza do lugar, a parroquia de Ons e Parques Nacionais das Illas Atlánticas.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí