Presentación do Certame de Arte de Adicam onte na sede da Casa da Bola de Cangas.

Un ano máis Adicam presenta o seu XII edición do Certame de Arte. Este ano, e xa van 12 edicións, a temática escollida polo equipo de traballo é a «Maternidade».

A participación no concurso está aberta a todas as persoas maiores de 16 anos, sexa cal sexa a súa nacionalidade ou residencia, afeccionadas ou profesionais, que sexan autores das obras presentadas e cumpran co establecido nestas bases. Non poderán resultar premiados os autores gañadores do 1º Premio dos dous últimos anos.

As modalidades escollidas para este doceavo Certame serán todas as disciplinas coas súas correspondentes técnicas en formato bidimensional sobre un bastidor de plástico, madeira ou similar; que non se faga alusión a ningunha marca comercial, e que de ningún modo o contido da obra sexa ofensivo no máis amplo sentido.

Cada artista poderá presentar un máximo de tres obras, terán que ser orixinais e non deben ter sido premiadas en ningún outro certame.

Formato

A única limitación para ás obras será a do seu tamaño, que terá que ser dun máximo de 80 cm o lado máis longo. A presentación en formato ríxido que facilite a súa exposición, imprescindible sistema de colgado.

A obra estará acompañada dun sobre co pseudónimo no seu exterior contendo no seu interior a seguinte información: Nome, apelidos e idade. Enderezo, código postal e poboación. Teléfono de contacto, dirección de correo electrónico, e o título da obra. No reverso do cadro constará o pseudónimo do autor e o título da obra. As obras non poderán estar firmadas.

Prazo de inscripción

O prazo para a recepción dos traballos comezará a partir da publicación das presentes bases e concluirá ás 13:00 horas do día 29 de setembro de 2023.

O lugar de presentación das obras para o Certame será na sede de Cangas de luns a venres de 10 a 14 horas e os luns e martes tamén de 17 a 19 (R/ Valentín Losada Nº 1 – 1º, “Casa da Bola” 36940 Cangas) ou os mércores de mañá na sede de Pontevedra (Rúa Benito Corbal 47 Planta 3º local 11 (entrada pola Rúa Javier Puig Llamas)) e na sede de Vigo os xoves de 10 a 13 (na Oficina Municipal de Distrito Casco Vello na Rúa Oliva ,12).

Xurado

O xurado estará formado por:

Presidenta: Dna. Loreto Blanco Salgueiro Profesora da Universidade de Belas Artes de Vigo.

Vogais: Luz Beloso, Fina Graña Fernández, Henrique Prado (escultor) e Xavier Fernández Ríos (Pintor e escultor). Secretario do Xurado: Dr. José Luis Bueno Díaz, Médico do PAC de Cangas e Graduado en Belas Artes

Os membros do Xurado reuniranse a última semana de outubro para deliberar e adxudicar o primeiro, segundo e terceiro premio.

O fallo do Xurado darase a coñecer o venres 03 de novembro de 2023 ás 19.00 no local de Adicam, en Valentín Losada Nº 1, 1º (Casa da Bola) durante a inauguración da exposición “Maternidade”.

O fallo do Xurado será inapelable, e o feito de participar no concurso supón a plena aceptación destas bases.

Propiedade das obras

As obras premiadas (Primeiro, Segundo e Terceiro Premio) pasarán a ser propiedade da Secretaría Técnica do Certame e a formar parte dunha exposición que se realizará durante o mes de novembro (do 3 ao 30 de novembro de 2023) na propia sede de ADICAM (Rúa Valentín Losada nº 1 “Casa da Bola” 36940 Cangas). Finalizada a exposición, todas as obras que non fosen premiadas poderán ser recollidas polos autores ata o 29 de Decembro de 2023.

De non ser recollidas, entenderase que son doadas a ADICAM para lograr fondos para promover a investigación e a prevención do cancro na Comarca do Morrazo.

A participación no Certame implica a aceptación das bases e a autorización da reprodución que se poida facer das imaxes seleccionadas ou gañadoras sempre co fin de difundir os obxectivos que ADICAM promove.

Premios

O Primeiro Premio do XII Certame de Arte ADICAM “Maternidade” está dotado cun Diploma de Honra, estatuíña gravada do escultor Henrique Prado e a cantidade de 300 €, o Segundo Premio está dotado cun Diploma de Honra e a cantidade de 200 € e o Terceiro Premio está dotado cun Diploma de Honra e a cantidade de 100 € e non se poderán dividir nin se poderá declarar deserto. Os premios están suxeitos a retención fiscal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *