O Concello abre o prazo para solicitar mesas de particulares e hostalaría e presenta unha edición que incorpora novidades, como os concertos de Orballo Cultural, que traerán finalmente a Ortiga e a Mondra
Marín xa comeza preparar unha das fins de semana máis especiais e esperadas do ano. A alcaldesa, María Ramallo, acompañada polas concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira, presentou esta mañá o cartel e a imaxe oficial da XV Festa Corsaria, que volverá encher as rúas da vila de historia, música, gastronomía e ambiente corsario os próximos 14 e 15 de agosto.
A Festa Corsaria, consolidada xa como unha das grandes citas do verán galego e un dos eventos con maior capacidade de convocatoria de Marín, volverá transformar o centro urbano nun auténtico escenario do século XIX, recreando a
batalla que en agosto de 1800 librou o corsario marinense Gago de Mendoza en Aguete contra as tropas inglesas, que viñan roubar o cargamento de plata da fragata Alcudia, con destino Pontevedra.
Nesta décimo quinta edición espérase unha das maiores afluencias de públicoda historia da festa, consolidando un evento que cada verán dinamiza a actividade comercial, hostaleira e turística do municipio.
Aberto o prazo para solicitar mesas e participar na ambientación
Coincidindo coa presentación da imaxe oficial, o Concello abre tamén o prazo para solicitar autorización para instalar mesas na rúa para xantar e cear de particulares e da hostalaría durante a Festa Corsaria. As solicitudes poderán presentarse desde o 27 de xullo ata o 7 de agosto, mediante o formulario específico dispoñible na páxina web municipal e no Rexistro do Concello.
A documentación poderá presentarse a través do trámite Instancia Xeral da sede electrónica ou presencialmente no Rexistro Municipal, de luns a venres, entre as 09.00 e as 14.00 horas.
Tanto os particulares como os establecementos hostaleiros deberán achegar un esbozo ou fotografías do espazo solicitado e comprometerse a cumprir a normativa establecida polo Concello.
Entre os requisitos máis destacados figura a obrigatoriedade de que as mesas, terrazas e elementos decorativos estean totalmente integrados na estética histórica da Festa Corsaria, así como que a vestimenta dos participantes e do persoal da hostalaría sexa acorde coa época representada. Tamén se regulan aspectos relacionados coa seguridade nos lumes e grellas, coa protección do
espazo público e coa limpeza das zonas ocupadas, que deberán quedar completamente recollidas ao rematar a celebración.
Concurso de Decoración e Ambientación
Co obxectivo de seguir implicando á cidadanía na creación do ambiente corsario que caracteriza esta celebración, o Concello convoca tamén o X Concurso de Decoración e Ambientación.
O certame premiará tanto aos establecementos hostaleiros como ás mesas de particulares que destaquen pola súa creatividade, ambientación, orixinalidade e fidelidade á época histórica. Nos locais valorarase especialmente a decoración exterior, as terrazas e a indumentaria do persoal, mentres que nas mesas particulares teranse en conta a posta en escena, a imaxinación e a caracterización dos participantes.
O concurso repartirá premios e accésits tanto para hostalaría como para particulares, entregándose os galardóns o sábado 15 de agosto na Praza de España.
Ortiga e Mondra: a previa musical da man de Orballo Cultural
A programación deste ano trae unha novidade importantísima para animar a noite do venres: os concertos de Ortiga e Mondra, dentro do programa Orballo Cultural, que se desenvolverá na Praza de España, coa financiación da Xunta de Galicia.
Son dous dos artistas galegos con maior proxección do panorama musical actual e referente da música contemporánea en Galicia. Aínda que estaba prevista a participación do grupo De Ninghures, finalmente por problemas de axenda non será posible e tratarase de buscar un novo concerto da banda no futuro.
Durante as próximas semanas o Concello dará a coñecer a programación completa dunha edición que volverá converter Marín nunha auténtica vila corsaria e que aspira a bater todos os rexistros de participación, facendo que miles de persoas desfruten dunha festa que xa é un dos grandes sinais de identidade do verán marinense.

