A conselleira do Mar, Marta Villaverde, compartiu cos máis de 50 nenos e nenas do campamento Concilia, que o concello marinense realiza no CEIP do Sequelo, as dinámicas do programa Un Mar de Profesións
O Colexio Público do Sequelo, en Marín, acolleu hoxe unha nova xornada do programa de divulgación infantil e xuvenil Movemento Azul da Xunta, impulsado pola Consellería do Mar para conectar ás novas xeracións cos recursos, profesionais e posibilidades de futuro que ofrece o litoral galego. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola rexedora de Marín, María Ramallo, visitou o campamento de verán Concilia, que o concello marinense realiza no CEIP de Sequelo e no que máis de medio cento de escolares de entre 7 e 11 anos participaron nos obradoiros didácticos de Un Mar de Profesións.
Nesta ocasión, a conselleira puxo o foco no valor de levar a divulgación da cultura marítima aos espazos de lecer estival, permitindo que a infancia atope no mar non só un recurso de diversión ou identidade, senón tamén un ámbito estratéxico de innovación, sustentabilidade e futuro profesional. Así, a actividade organízase en torno a tres estacións de traballo interactivas equipadas cun mobiliario eco-deseñado en exclusiva para este proxecto a partir de subprodutos do mar, como cunchas de mexillón e cáscara de arroz.
Nestes espazos os participantes experimentan con catro oficios esenciais da cadea mar- industria. Así, na área dedicada a pescadores e mariscadores, os nenos e nenas aprenden a medir as tallas mínimas regulamentarias de bivalvos como ameixas ou berberechos empregando calibres reais, ao tempo que descobren a importancia de artes de pesca artesanal e respectuosa como o palanguillo e o trasmallo.
Pola súa banda, na estación de observadores científicos, o alumnado identifica especies autóctonas do litoral galego e afonda no coñecemento da biodiversidade mediante a observación e a formulación de hipóteses con claves dicotómicas. Finalmente, no espazo dos patróns de navegación, os escolares familiarízanse co manexo de cartas náuticas, regras e compases para trazar liñas de rumbo e calcular rutas pesqueiras adaptadas ao seu nivel educativo.
Ao completar o percorrido, cada neno valida os retos no seu Pasaporte de profesións do mar, un documento simbólico que os acredita como coñecedores e protectores dos recursos mariños de Galicia.
Estratexia transversal de remuda xeracional
O Movemento Azul da Xunta forma parte das liñas de acción transversais da Estratexia de Economía Azul do Goberno galego, dirixida a público dende a infancia ata os 35 anos. Tras unha primeira fase desenvolvida durante o curso escolar en centros educativos de educación primaria de toda a comunidade, a iniciativa desprega durante os meses de xullo e agosto a súa liña estival.
Esta xornada en Marín forma parte do itinerario que ata o vindeiro 6 de agosto chegará a 10 campamentos municipais e autonómicos das catro provincias, chegando a máis de 700 participantes ao longo do verán.

