O Día de Galicia, que se celebra este sábado, marca o epicentro de varios días cheos de citas para todos os públicos
O Concello de Marín continúa ofrecendo unha ampla programación de actividades para desfrutar dos últimos días de xullo, cunha axenda na que teñen cabida o cine, a música, as tradicións populares, o deporte e a sustentabilidade.
Hoxe e o xoves, 23 de xullo, celebraranse dúas sesións de Cine de Verán, organizadas por Marín de Cine, que terán lugar ás 21.00 horas no Multiusos da Praza de Abastos. A primeira delas estará centrada en curtametraxes e o filme do xoves de animación: “Valentina”, de Chelo Lourido.
O venres 24 de xullo, a música será a protagonista coa actuación do Orfeón Pontis Veteris, que ofrecerá un concerto ás 21.00 horas no Auditorio de Marín.
O sábado 25 de xullo, coincidindo coa celebración do Día de Galicia, o municipio vivirá unha xornada especialmente intensa. A Alameda acollerá, entre as 10.30 e as 22.30 horas, a XXVII Romería Popular de Trompos Os Pés, unha cita xa consolidada no calendario festivo local. Ademais, ás 12.00 horas celebrarase o acto institucional do Día de Galicia.
A programación deportiva tamén terá un papel destacado durante a xornada coa celebración do XXI Torneo Praia de Loira e da Carreira +10K Manuel Rosales, dúas citas que reunirán a numerosos participantes e afeccionados.
Finalmente, o domingo 26 de xullo, o Lago de Castiñeiras será escenario da EcoFeira do Lago, unha iniciativa que promove a sustentabilidade, o consumo responsable e a posta en valor da contorna natural. Contará con andainas, postos de artesanía e a animación da Batucada Axé Bahía.
Desde o Concello de Marín anímase á veciñanza e ás persoas que visiten o municipio durante estes días a participar nas distintas propostas, que contribúen a dinamizar a vida cultural, social e deportiva da vila durante a época estival.
