A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas e Manuel Santos visitaron as melloras levadas a cabo pola asociación, consistentes na creación dun baño na planta de abaixo e a dotación de equipamento
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas e Manuel Santos visitaron onte a Casa de Cultura de Ardán para coñecer as melloras realizadas este ano pola Asociación Veciñal e Cultural de Ardán co apoio das subvencións municipais e autonómicas. O encontro permitiu tamén repasar a actividade da entidade e as necesidades de mantemento desta infraestrutura
colectiva.
A asociación destinou a achega municipal de 2.000 euros á adquisición de catro deshumidificadores, un proxector e madeira para a instalación de estantes. Estas incorporacións permiten mellorar as condicións de uso do edificio, ampliar os
recursos dispoñibles para as actividades e facilitar a organización e o almacenamento do material.
Un novo baño para ampliar as posibilidades de uso
Unha das principais intervencións foi a dotación dun novo baño, realizada cunha axuda de 12.000 euros da Xunta de Galicia a través da liña de Acción Comunitaria. Para acometer esta mellora foi necesario instalar tamén unha estación de bombeo. A actuación abre a posibilidade de utilizar de maneira independente a planta inferior para eventos e outras actividades, ampliando as opcións de aproveitamento da Casa de Cultura e facilitando a convivencia de distintos usos
no edificio.
Durante a visita tamén se abordaron outras necesidades de conservación, como a pintura exterior da casa e a reparación do palco, co obxectivo de seguir mantendo este espazo nas mellores condicións.
Un punto de encontro cunha intensa actividade
A Asociación Veciñal e Cultural de Ardán conta actualmente con 242 persoas asociadas e ofrece 16 propostas entre cursos, clases, excursións e outras actividades, nas que están inscritas arredor de 200 persoas. Unhas cifras que reflicten a importancia da entidade como punto de encontro e dinamización social da parroquia.
Desde o Concello ponse en valor o traballo da asociación para manter unha programación diversa e conseguir recursos cos que mellorar a Casa de Cultura. A colaboración co tecido asociativo permite reforzar estes espazos de convivencia, achegar actividades á veciñanza e conservar infraestruturas que prestan un servizo colectivo nas parroquias.
Para pechar a visita, o Grupo Carballido tocou varias cancións para amenizar a noitiña.

