O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e os organizadores. Repatiranse 1.350 euros en premios
A praia de Loira acolleu esta mañá a presentación oficial da XXI edición do Torneo Praia de Loira, unha cita xa consolidada dentro do calendario deportivo estival de Marín e que reunirá esta fin de semana a un total de 210 persoas inscritas, confirmando un ano máis o éxito de convocatoria desta competición.
No acto participaron os representantes da organización e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, que puxo en valor o traballo que realizan os organizadores para manter vivo un torneo que atrae a moitísimas persoas a Loira, especialmente a mocidade.
A competición disputarase ao longo de dúas xornadas. O sábado 25 de xullo, entre as 19.15 e as 22.00 horas, celebraranse os encontros correspondentes á fase de grupos. Xa o domingo 26, desde as 08.30 e ata as 20.00 horas, desenvolveranse as eliminatorias que culminarán coa disputa das finais e a entrega de premios.
O torneo repartirá 1.350 euros en premios, con 800 euros para o equipo campión, 400 euros para o subcampión e 150 euros para o terceiro clasificado, ademais dos galardóns individuais ao mellor xogador e ao mellor porteiro do campionato.
En total, está prevista a participación de máis de 210 persoas.
