Comisión organizadora, alcaldesa e concelleiro de Cultura na presentación das festas de San Martiño 2022.

Do 5 ao 13 de novembro, Moaña está en festas. E non calquera celebración, este ano regresan as tradicionais festas de San Martiño e da Virxe do Carmen, declaradas de Interese Turístico de Galicia, e que por mor de Covid tiveron un parón de dous anos. Comisión e Concello anuncian que estarán algunhas das orquestras preferidas polos asistentes, actuacións, magosto e, os imprescindibles, os furanchos (un mínimo de 12) para poder gozar da gastronomía e do viño novo. «Estamos moi orgullosos e animados de volver facer as festas de sempre», manifestaba o presidente da Comisión, Humberto Gestido, quen tamén fai un chamamento á mocidade para que se implique na organización e evitar que a festa poida chegar a desaparecer se non hai quen os releve.

Polo momento nada diso vai ocorrer e o venres 4 abrirán os furanchos. O sábado 5 terá lugar a Festa da Xuventude, organizada pola Concellería de Cultura, na que haberá tres actuacións: Trío Somoza, Dekins e un concerto de Broken Peach. E para pechar a xornada, sesión de DJ a cargo de Shakvs na carpa do adro de abaixo. O edil desta área, Carlos Juncal, recupérase o formato habitual con grupos de rock que amenizarán a velada ata as catro da madrugada.

O resto das xornadas, realizaranse actividades deportivas, culturais e, o propio día de San Martiño, o 11 de novembro, terá lugar ás 12:00 a misa cantada pola Coral Moañesa e a posterior procesión con parada no Cristo das Angustias para cantar a Salva Mariñeira. Acompañará durante todo o percorrido a Banda de Música Airiños do Morrazo.

Pola súa banda, a alcaldesa, Leticia Santos, destacou o carácter «familiar» desta festa que permite gozar dos produtos da terra e atoparse con aquelas persoas que hai tempo que non ves. En canto á conviencia, pediu á xente que teña pensado asistir que respecte todas as normas vixentes, tamén en materia de tráfico. Neste sentido lembrou que non se vai a permitir estacionar sobre as beirarrúas ou lugares prohibidos e tanto a rexedora como desde a comisión de festas aconsellan aparcar no campo de fútbol de Ou Casal para evitar ser sancionados. Así, establecerase un plan de tráfico habitual para garantir o acceso ao recinto da festa e que aqueles que acudan andando poidan facelo con seguridade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *