Xosé Manuel Millán Otero.

Un carballo e unha placa co mesmo epitafio de Ramón Cabanillas -‘Quero na lousa que me dea sosego esta palabra que ten as, Poeta, e esta palabra que ten luz, Galego’-, lembrarán dende este sábado ao ex alcalde e poeta Xosé Manuel Millán Otero na praza dianteira do Concello de Moaña. Ambas pezas plantaranse e instalaranse no acto de homenaxe institucional organizado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Moaña co gallo do segundo cabodano do seu falecemento.

No acto, que se desenvolverá a partires das 11.30 horas da mañá, participarán a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, a alcaldesa Leticia Santos, o presidente da AELG Cesáreo Sánchez e o escritor Manuel Romeu, responsable do limiar e da publicación da ‘Obra Poética Completa’ de Millán que se presentará grazas á edición da editorial da Deputación de Pontevedra. O evento contará tamén coa colaboración musical de Xosé Manuel Budiño e coa interpretación de varios poemas a cargo de Dani Costas, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Lucía Durán e Lucía Costas.

A deputada de Patrimonio Documental María Ortega destacou que o libro de Millán é unha das pezas que a Deputación se enche de orgullo de publicar, por recoller “a inmensa calidade literaria dunha persoa da provincia que era tan grande poeta como persoa. É fundamental difundir o seu legado”. Subliñou que a publicación será repartida nas bibliotecas públicas municipais e nos centros de ensino da provincia, e destacou que tamén se entregará un exemplar –de balde- a todas as persoas que se acheguen á homenaxe.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña Leticia Santos animou á veciñanza do Morrazo a acudir ao acto como agradecemento ao labor feito por Millán como alcalde. Destacou, neste sentido, que a localización do carballo na súa honra é “moi simbólica”, xa que exemplifica o que o nacionalista fixo pola veciñanza do municipio.

Santos lembrou que a Praza do Concello de Moaña, hoxe un xardín para uso
público, inicialmente ía ser edificado conforme os aproveitamentos urbanísticos aprobados, “sen embargo, Millán logrou liberar o espazo negociando habilment coa promotora para que construíra noutra ubicación e deixara esa contorna nese espazo tan singular para todas e todos nós e que nos identifica”.

O domingo continúa a homenaxe en Bueu

O domingo 30 será a quenda da homenaxe institucional no Concello de Bueu ás seis e media da tarde na Casa do Pobo de Beluso, parroquia onde naceu Millán. Alí presentarase de novo a ‘Obra Poética Completa’ a cargo de Manuel Rei, e participarán a deputada María Ortega e o alcalde Félix Juncal. A nota musical poraa a agrupación Xardín Desordenado, que musicará varios dos poemas de Millán Otero.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *