Actuación da orquesta Panorama nas Festas do Carme 2026.

O Concello destaca a enorme afluencia de público, o excelente ambiente vivido durante todos os días de programación e o importante retorno económico para a hostalaría, o comercio e os distintos sectores locais

O Concello de Marín fai un balance moi positivo das Festas do Carme 2026, unha edición que quedará marcada pola extraordinaria participación cidadá e pola capacidade da vila para converterse, durante máis dunha semana, no gran punto
de encontro festivo da comarca.

As distintas actividades programadas rexistraron unha elevadísima afluencia de público, cunhas prazas e espazos festivos cheos practicamente en cada unha das citas, desde os concertos e actuacións musicais ata os actos tradicionais, culturais, deportivos e familiares.

O éxito das grandes orquestras confirmou unha vez máis o atractivo da programación deseñada polo Concello, congregando milleiros de persoas cada noite e xerando un ambiente festivo que se prolongou ao longo de toda a celebración.

Esta edición estivo marcada ademais por unha circunstancia excepcional como foi a coincidencia coa fase final do Mundial de Fútbol. Lonxe de restarlle protagonismo ás festas, o Concello soubo integrar este acontecemento na programación, habilitando espazos para o seguimento dos encontros coa pantalla grande da Alameda, epicentro da celebración da vitoria da nosa Selección. E sobre todo grazas á hostalaría, que se volcou nuns días de enorme ilusión social.

A resposta da veciñanza foi extraordinaria, especialmente na histórica xornada vivida onte coa final do campionato, que se converteu nun auténtico colofón para unhas festas inesquecibles.

Durante todos estes días, Marín recibiu a milleiros de visitantes procedentes de distintos puntos de Galicia, sendo especialmente notable a chegada de moita mocidade desde Pontevedra e o resto da comarca, que elixiu a vila como destino para desfrutar das festas. Esta importante mobilidade tamén se viu reflectida no incremento do uso do transporte público durante as xornadas de maior afluencia.

O impacto positivo trasladouse igualmente ao tecido económico local. A hostalaría rexistrou unha intensa actividade, con terrazas, bares e restaurantes cheos durante boa parte da programación, ao igual que o comercio local, que tamén se beneficiou do constante fluxo de visitantes. Unha situación que confirma o importante retorno económico que supoñen unhas festas desta dimensión para o municipio.

Outro dos aspectos máis valorados desta edición foi a decisión de dar a posibilidade de ampliar ata o domingo o funcionamento das atraccións festivas mantendo os prezos especiais do Día do Neno. Unha medida que tivo unha excelente acollida entre as familias e que permitiu prolongar o desfrute das barracas durante toda a fin de semana, favorecendo ademais a actividade económica da propia feira.

Desde o Goberno local quérese trasladar un agradecemento expreso ao enorme traballo realizado polos empregados e empregadas das Brigadas Municipais, especialmente á de Limpeza, que durante todos estes días redobraron esforzos para garantir o correcto desenvolvemento das celebracións.

Do mesmo xeito, o Concello quere agradecer a profesionalidade e coordinación da Policía Local, da Garda Civil, dos servizos de emerxencias e do resto dos corpos que velaron pola seguridade durante toda a programación, permitindo que as festas se desenvolvesen con total normalidade e cun ambiente de convivencia exemplar.

Un dos momentos máis destacados foi tamén o espectáculo pirotécnico final, que estreou unha nova localización desde o Paseo Alcalde Blanco, nun formato de fogos fríos que permitiu mellorar notablemente a súa visibilidade para o público.

O Goberno local considera que o balance destas Festas do Carme 2026 non pode ser máis satisfactorio. A elevada participación, a convivencia, o éxito da programación e o impacto económico xerado consolidan a Marín como un dos grandes referentes festivos de Galicia durante o verán e reforzan a aposta municipal por seguir mellorando cada edición para ofrecer unhas festas á altura da resposta da cidadanía e das miles de persoas que cada ano escollen a vila para celebralas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *