Os veciños dos barrios da Meixoada, O Casal e Abelendo xa poden baixar ao centro de Moaña os sábados en autobús. Poderán facelo desde hoxe mesmo. Segundo informa o concelleiro de Mobilidade, Rodrigo Currás, esta é unha demanda histórica á que o Concello da resposta tras unha «importante loita».
Esta liña de autobús en sábado permitirá que os veciños desta zona alta de Moaña que non teñen coche ou posibilidade de desprazarse en transporte privado poidan baixar, por exemplo, á feira que se celebra a mañá dos sábados.
Para poder mantela activa, desde o Concello animan a utilizala «desde o primeiro día».
É a liña que empeza na estación de autobuses de Cangas, sobe por Coiro, pasa pola Ameixoada, O Casal e Abelendo e baixa ata a Praza de Abastos de Moaña.