Operarios de limpeza nas rúas de Marín.

As incorporacións permitirán aumentar os efectivos das brigadas municipais e garantir a prestación dos servizos nun período de maior actividade como é o verán.

O Concello de Marín vén de incorporar un total de 20 novos traballadores e traballadoras que se integraron nas distintas brigadas e servizos municipais durante os próximos meses, grazas ás subvencións concedidas pola Deputación de Pontevedra e pola Xunta de Galicia a través de diferentes programas de fomento do emprego.

A alcaldesa, María Ramallo, destaca a importancia destes plans, que «permiten reforzar servizos esenciais nunha época do ano na que a actividade municipal aumenta considerablemente e na que tamén é necesario garantir a cobertura das vacacións do persoal municipal, mantendo en todo momento a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía».

Ao abeiro do Plan +Provincia, financiado pola Deputación de Pontevedra, incorporáronse un total de 14 persoas, que desenvolverán o seu labor durante un período de seis meses. En concreto, o reforzo está composto por 2 conserxes, 11
peóns (dos cales 4 se destinan á brigada municipal de limpeza, 4 á brigada de obras e 3 á brigada de xardíns) e 1 auxiliar administrativo.

Pola súa banda, a través do programa APROL Rural, promovido pola Xunta de Galicia, incorporáronse 6 peóns forestais, que desenvolverán tarefas vinculadas ao desbroce e á limpeza.

Con estas incorporacións, o Concello reforza áreas fundamentais para o funcionamento diario da administración local, especialmente durante os meses de verán, cando se incrementa a actividade derivada da programación estival, do maior uso dos espazos públicos e da chegada de visitantes, o que fai necesario intensificar os labores de mantemento, limpeza e conservación.

Ademais de contribuír á mellora dos servizos municipais, estes programas de emprego favorecen a inserción laboral das persoas participantes, ao tempo que permiten ás administracións locais contar con recursos humanos adicionais para atender con maior eficacia as necesidades da veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *