O Concello deseña un programa con actividades en todas as parroquias para vivir a cultura en comunidade

O Concello de Vilaboa pon en marcha este venres 10 de xullo o Verán Cultural 2026, unha programación ampla e diversa que encherá as parroquias do municipio de espectáculos para todos os públicos durante os meses de xullo e agosto. Teatro de rúa, música, comedia, monicreques, cine ao aire libre e rondallas conforman unha proposta pensada para dinamizar os espazos públicos, fomentar a convivencia e ofrecer alternativas culturais de calidade á veciñanza.

A primeira cita será este venres 10 de xullo, ás 20:00 horas, na Carretera Vella de Paredes, coa peza de teatro de rúa “Abracadaver”, da compañía As Sircópatas, unha proposta fresca e divertida que marca o inicio dun verán cheo de actividade cultural.

A programación continuará o domingo 12 de xullo, ás 20:00 horas, no Parque Infantil da Casa da Cultura de Figueirido, coa actuación musical do Gran Cuarteto da Familia Bocaprier, unha proposta familiar e festiva que combina humor, música e participación do público.

O venres 17 de xullo, ás 20:00 horas, o Campo de Festas de Santa Cristina acollerá a comedia teatral “Historias para escagarrinarse”, da compañía Ghazafelhos, unha das propostas máis recoñecidas do teatro galego para público familiar.

A programación teatral continuará o venres 24 de xullo, tamén ás 20:00 horas, no Adro de Festas de Bértola, coa representación de “Retrincos de Castelao”, da compañía Artefeito, unha montaxe dirixida a público maior de 14 anos que recupera a esencia literaria e crítica do autor.

O venres 31 de xullo, ás 22:00 horas, o Campo de Festas de Postemirón converterase nun espazo para os máis pequenos coa obra de monicreques “Costureiriña Bonita”, da compañía A Cova das Letras, un espectáculo infantil de 50 minutos pensado para público de 0 a 99 anos.

Xa en agosto, o venres 7, ás 20:00 horas, Vilaboa celebrará unha nova sesión de Cine na Rúa no Adro de Festas de San Adrián, unha das actividades máis agardadas do verán pola súa capacidade de reunir familias e amizades nun ambiente comunitario.

Ese mesmo día, ás 22:00 horas, terá lugar a cita coas Rondallas, coa proposta “¿A qué suena la ilusión de un pueblo?”, de Daniel Sáinz Arévalo, unha peza que pon en valor a tradición musical e o sentimento colectivo das comunidades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *