O Concello fai un moi bo balance, despois de que non se puidera festexar este evento ao cen por cen nos últimos dous anos por mor da pandemia
Unha Festa Corsaria “chea de diversión e con gran éxito de participación”. Ese é o balance que fai o Concello de Marín da última edición deste evento festivo, que levaba dous anos sen celebrarse ao cen por cen debido á pandemia e que volveu encher de piratas e corsarios o centro marinense.
Segundo explicou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, de novo demostrouse que a Festa Corsaria xa forma parte do calendario de verán dos marinenses e doutra xente da contorna, que vén até a nosa vila para desfrutar desta festa ambientada na época corsaria de Juan Gago de Mendoza.
Sanmartín indica que probablemente esta fora unha das edicións “nas que máis persoas se disfrazaron e se ambientaron para participar de xeito máis activo da festa”, na que se instalaron 52 postos de hostalaría e colocáronse 73 mesas, o que supón unha participación aproximada de 1.500 persoas comendo polas rúas e prazas de Marín.
Outro dos acertos deste ano foi o desfile dos barcos previo á batalla de Gago de Mendoza, que permitiu a moita xente desfrutar destas construcións e da ambientación pirata. “Coma sempre, hai cousas que mellorar e por iso, como vivimos esta festa dende dentro, organizándoa e estando pendentes de todo o proceso, poderemos pulilas de cara ao ano que vén”, explicou Sanmartín, aínda que reafirmou o bo desenvolvemento que tivo esta festa e a gran adherencia das persoas a ela.
Ademais, este ano a programación da Corsaria incluiu o evento de DJs no Camiño na Praza de España, que congregou a un numeroso público que desfrutou da pinchada de David Expósito, Hugo Leivas e Dave Silva, entre outros.