Os campamentos de verán de conciliación que ofrece o Concello de Marín, dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, chegan á súa quenda final. Máis de 300 cativos levan participado nas catro quendas nos campamentos urbanos celebrados no CEIP da Laxe e en dúas quendas no rural na Casa de Cultura de Mogor e no CEIP de Seixo.
Actividades infantís de todo tipo, xogos, saídas culturais e de ocio, permitiron o desfrute dos máis pequenos, mentres as familias concilian o mundo persoal, laboral e familiar. Nesta quenda os rapaces e rapazas puideron participar no programa creado pola Consellería do Mar de “Fai clic ao teu bocata” co dobre obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva do mar de Galicia entre as nenas e nenos da nosa comunidade e de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias.
A acollida foi boísima, e mentres xogaban aprenderon moito sobre os alimentos fundamentais nas dietas, os produtos do mar, para fomentar o seu consumo dos produtos en conserva, ampliando os seus coñecementos acerca dos produtos do mar, das conservas e de todas as posibilidades que estas ofrecen tanto no ámbito alimenticio coma didáctico e lúdico.
Os produtos do mar son uns alimentos ricos en proteínas, materia graxa, vitaminas e sales minerais e constitúen un dos máis importantes recursos alimenticios, co beneficio de moitos valores nutritivos, que fan recomendable a introdución destes produtos como alimentos habituais nas dietas dos máis pequenos.
Ao final da xornada puideron saborear uns riquísimos bocatas para poñer en práctica todo o aprendido durante a mañá.