A rúa Méndez Núñez de Marín.

Con este estudo pormenorizado da situación do municipio a nivel de mobilidade, poderanse levar a cabo proxectos de fomento do tránsito peonil e de ordenación do tráfico e estacionamento urbano

A mobilidade urbana é un eixo de traballo no que todas as administracións, tamén o Concello de Marín, están a invertir grandes esforzos, para conseguir que as nosas vilas e cidades sexan máis cómodas e teñan un mellor reparto do seu espazo, fomentando os desprazamentos a pé e tamén coordinando mellor o uso do vehículo privado no centro dos municipios.

Para poder traballar sobre unha estratexia global e con perspectiva de futuro, Marín púxose en marcha para crear un PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), cuxa redacción se confinanciou nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, dentro do Marín Dusi, e que vén de ser aprobado de xeito definitivo, despois de que se publicase oficialmente no BOPPO.

Esta aprobación definitiva levouse adiante porque o documento inicial, que estivo exposto na sede electrónica do Concello durante 30 días e que foi previamente presentado á cidadanía nunha xornada participativa no Museo Manuel Torres, non recibiu ningunha alegación. “Agora xa temos de xeito definitivo un documento nas nosas mans que nos permitirá tomar decisións acertadas, contrastadas e basadas en datos e no estudo pormenorizado das peculiaridades da nosa vila no que respecta á mobilidade”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que reforza a idea de que este PMUS “é un documento con perspectiva futura, para saber onde estamos, cales son as nosas fortalezas, cales as debilidades e, polo tanto, identificar correctamente as solucións a aplicar”.

Ramallo asegura que esas solucións pasan por facer de Marín “un espazo máis agradable. Temos que potenciar o tránsito peonil, facer as nosas rúas cómodas para a cidadanía, ganar espazo para a veciñanza e para que poidamos desfrutar de xeito seguro do centro urbano”. Pero iso sen olvidar, engade a rexedora, que tamén é preciso coordinar moi ben os fluxos de tráfico rodado e a xestión do estacionamento, “porque o vehículo privado tamén debe ter o seu espazo”.

Ademais, o PMUS traza as liñas estratéxicas a seguir para mellorar a conexión entre o casco urbano e o medio rural, tan poboado en Marín e cunha vitalidade
económica e social moi elevada, e, asemade, inclúense solucións de cara a
fomentar a mobilidade sostible en bicicleta.

O documento pode consultarse na sede electrónica do Concello.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *