Está aberto o prazo para presentar candidaturas aos distintos premios que se entregarán durante o evento. Poden consultarse as bases completas na web municipal
Marín volverá honrar aos grandes nomes do deporte local coa celebración dunha nova edición da Gala do Deporte, o próximo 20 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello. Este evento faise co obxectivo de “resaltar e valorar o labor deportivo das nosas persoas, organismos, institucións públicas e entidades privadas que dalgún xeito contribuiron de forma notoria a engrandecer e ampliar a práctica deportiva da nosa localidade”.
Así se explica nas bases para a presentación de candidatos aos dez premios que se entregarán durante o evento: mellor deportista masculino/feminina, mellor deportista de base masculiina/feminina, premio á inclusividade, premio ao mellor deportista veterano/a, premio ao mellor adestrador/a ou técnico/a, premio ao mellor club ou entidade deportiva, premio ao patrocinio e colaboración co deporte e premio ao mellor evento do ano.
A fase de recepción de candidaturas estará en prazo ata o 16 de decembro. As candidaturas poden ser presentadas por calquera entidade deportiva local, clube ou asociación, así como a proposta do xurado, a través do Rexistro municipal ou enviándoo ao mail deportes.juventud@concellodemarin.com.
O xurado estará conformado pola alcaldesa, María Ramallo, ou o concelleiro en quen ela delegue, un/ha funcionario/a municipal, xornalistas deportivos dos medios de comunicación locais e xornalistas que foron xurado en convocatorias pasadas. Reuniranse o 21 de decembro para publicar a resolución o 22.