A Academia Galega do Teatro (AGT) outorga o seu Premio de Honra a Xosé Manuel Pazos Varela, ex alcalde finado de Cangas, polo seu “compromiso e traballo para crear un futuro para o teatro do noso país”. A presidenta da Academia, Imma António Souto, explica que o que fora rexidor é merecedor deste galardón porque o feito de que “Cangas teña un Auditorio e exista esta Mostra de Teatro cun público asentado ten que ver co seu traballo ao longo moitos anos”.

A Academia Galega de Teatro destaca “o xeito que sempre tivo Xosé Manuel Pazos de levar a vida política sempre da man da vida cultural”.

Este galardón foi entregado hoxe ao longo da inauguración da exposición documental e da homenaxe a Xosé Manuel Pazos organizada pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e que marca o inicio desta 38 edición. Tivo lugar no Auditorio que levará o seu nome nun futuro próximo e acudiron a actual alcaldesa, Victoria Portas, a edil de Cultura, Aurora Prieto, e a súa viúva, entre outros rostros da política local e da cultura galega.

Un boceto de Pazos xunto a algunhas das súas pertenzas.

Pazos era, fundamentalmente, un home do teatro, desenvolvendo traballos como actor, director, autor e tradutor teatral. Nos anos 70, froito do asociacionismo e da súa intensa actividade cultural e política, promove iniciativas como o grupo de Teatro Matamoura de Coiro que derivou no Colectivo de Teatro Múa e posteriormente na Escola Dramática Galega (Sección Vigo), para en 1986 poñer o colofón coa creación de Teatro de Ningures. Con Teatro de Ningures participa nos seus inicios como actor, para logo dedicarse a labores de produción e, finalmente, ás de tradución, adaptación e escrita de textos teatrais, estando vencellado practicamente a todos os espectáculos desta compañía. En 2008 recibiu o Premio Max das Artes Escénicas ao Mellor Autor Teatral en Galego xunto a Cándido Pazó, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado por ‘Emigrados’.

A presidenta da AGT destaca o “xeito conciliador” do que fixo gala sempre o ‘Alcalde do Teatro’, entendendo “a cultura como un dereito” para a cidadanía. Imma António sinala que Pazos Varela é gran merecedor deste premio. “A mágoa é que chegamos tarde para darllo en vida porque a vocación destes galardóns é entregalos en vida”.

Pazos, académico da AGT

A Academia Galega de Teatro fundouse o 21 de outubro de 2017 cun primeiro obxectivo: Fomentar o desenvolvemento das artes e as ciencias relacionadas directa ou indirectamente co teatro, a arte dramática e a produción teatral en todos os seus subsectores, xéneros e formatos. Ata este ano, recibiron o Premio de Honra, Manolo Lourenzo, Luís Álvarez Pousa, María Xosé Queizán, Ernesto Chao, Celso Parada e Gustavo Pernas.

Xosé Manuel Pazos foi case nos últimos anos un dos académicos da AGT. “É absolutamente de recibo que a Academia destaque o seu importante traballo e contribúa a visibilizalo socialmente”, afirma Imma António. “Pazos ten méritos suficientes para ser un home que a sociedada galego considere un patrimonio de seu”, destaca.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *