Tras analizar con detalle o proxecto do parque eólico de A Rula, previsto en Cerdedo-Cotobade, e que se encontra en período de exposición pública, o Concello de Vilaboa manifesta a súa oposición frontal a esta iniciativa que prevé unha futura rede de transporte á subestación de Tomeza.

O grupo de goberno explica que ademais do impacto que suporía unha nova liña de alta tensión á subestación, esta tiña unha función ben clara “e este novo proxecto implica unha ampliación non prevista e que en ningún momento foi consensuada nin comentada coa Corporación de Vilaboa”.

Vilaboa súmase así a outros concellos da comarca de Pontevedra no rexeite a un parque eólico que ocuparía más de 2.550 metros cadrados de superficie en Cerdedo- Cotobade e que prevé a instalación de 11 euroxeneradores de 5 MW de potencia unitaria, tensión de xeneración de 690 V, elevada a 30kv nos centros de transformación de cada aeroxenerador, con 145 metros diámetro de rotor e unha altura de torre de 127,5 metros.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo xa unha xuntanza cos portavoces municipais para trasladarlle a decisión do goberno local de oporse a este proxecto, do que lles facilitou unha copia e, ao igual que con outros temas de actualidade, solicitou aos grupos da oposición manter unha postura común de defensa dos intereses de Vilaboa e da veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *