A pancarta no Concello de Vilaboa polo 25N.

O goberno local convida á veciñanza a concentrarse mañán ás 12 na Casa Consistorial para esixir “accións, condeas e reforzos dos sistemas de prevención”

O balcón da Casa Consistorial luce esta semana unha gran pancarta contra a violencia machista como símbolo do rexeite colectivo da veciñanza de Vilaboa a este problema estrutural da sociedade. Baixo a pancarta darase lectura este 25-N, día contra a violencia machista, a un manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, no que se recordará ás 37 mulleres asasinadas no que vai de ano. Á concentración, que terá lugar ás 12 da mañán, está convidada toda a veciñanza de Vilaboa. Membros do goberno local acudirán tamén ao acto que pola tarde ten organizado, ás 19.30 horas, a asociación Mulleres de Vilaboa.

No Manifesto Vilaboa avoga por unha axenda política feminista que aborde dun xeito transversal o feito de que “nos matan e nos maltratan porque somos mulleres”. Apunta que as mulleres, e tamén moitos homes, “estamos fartas de negacionistas e machistas, queremos accións, condeas, reforzos dos sistemas de prevención, dos xulgados especializados en violencia machista, educación en igualdade, protección, queremos poder vivir tranquilas, que os que teñan medo sexan os que intentan acosarnos, insultarnos, atacarnos, piropearnos pensando que somos obxectos; querémonos todas vivas”.

Desde Vilaboa instan a toda a clase política a saír á rúa e berrar coas mulleres contra o machismo, “alto e claro, sen medias tintas, queremos oir a todos e políticos e políticas condenar sin tibiezas calquera síntoma de machismo, de negacionismo da violencia machista, da violencia exercida contra as mulleres por seren mulleres”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *