O alcalde de Vilaboa, César Poza, na celebración do Día Mundial do Alzhéimer de Afamo.

O alcalde, César Poza, xestiona a dotacion dun Centro de Día no municipio que atenda ás necesidades dos pacientes e garanta a conciliación familiar

O grupo de goberno de Vilaboa leva ao pleno ordinario deste venres unha declaración institucional como Concello Solidario co Alzheimer coincidindo coa celebración nestes días do día adicado a esta enfermidade. César Poza, alcalde de Vilaboa, amosa o compromiso da administración local coas persoas que padecen esta doenza e coas súas familias que se traduce na posta en marcha de diferentes liñas de traballo para o asesoramento e apoio dos afectados e afectadas así como a dotación de recursos específicos para esta cuestión.

O servizo municipal de Axuda no Fogar está xa atendendo a varios usuarios e usuarias con esta enfermidade mais os datos que baralla a Concellería de Servizos Sociais apuntan á necesidade dun Centro de Día en Vilaboa que permita ás familias dos pacientes a conciliación familiar. O goberno local traballa na dotación destas instalacións da man coa colaboración de Afamo, asociación especializada no Alzheimer e á que César Poza agradece a súa labor de respaldo ás familias.

Vilaboa conta cun censo de poboación cercano aos 6.000 habitantes e máis do 25% desta poboación supera os 65 anos de idade. Este dato, segundo apuntan fontes municipais, indica a necesidade de destinar recursos específicos á atención ás persoas maiores, tanto para facilitar alternativas de ocio e divertimento no tempo libre deste sector de poboación como para a atención persoal cando merman a mobilidade e as capacidades cognitivas como consecuencia da idade.

“A atención ás persoas maiores é un compromiso moral que as administracións non poden eludir. Para concellos como o noso, cun orzamento reducido, supón un reto implementar partidas que nos permitan ofertar os servizos que os nosos maiores se merecen; un reto que asumimos e no que xestionaremos a implicación doutras administracións”, apunta César Poza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *