César Poza tras ser nombrado alcalde novamente.

César Poza reclama á Xunta que asuma servizos da súa competencia como o SAF ou o Centro de Saúde “con gastos que condicionan os investimentos locais

O goberno local de Vilaboa presentará ao pleno do luns un orzamento histórico que cun montante de 4.226.076 euros contribúe á protección social, a dinamización económica e mellora na prestación dos servizos. Destaca o incremento das partidas en persoal, investimentos, subvencións e gastos correntes grazas ao
aumento das previsións de ingresos derivadas, en gran parte, do incremento en 413.000 euros do IBI que este ano aboará Audasa, tras 25 anos de bonificacións.

Sen embargo o goberno local alerta do lastre económico que supoñen para as arcas municipais servizos asumidos polo Concello que resultan altamente gravosos e deficitarios e que son competencia da Xunta de Galicia, coma o servizo de axuda no fogar, os custos de mantemento do Centro de Saúde ou do colexio do Toural, que ten ensino secundario.

No caso do SAF, o alcalde, César Poza, recorda que en municipios de menos de 20.000 habitantes é responsabilidade da administración autonómica a prestación deste servizo. En Vilaboa o seu custo por hora é de 20,53 € (IVE incluído) e a aportación da Xunta de Galicia é de 12 €, debendo asumir o restante o Concello e as persoas usuarias. “Tal situación xera que cada ano o Concello aporte máis recursos propios para facer fronte a estes custos. Ademais no pasado exercicio de 2022 a empresa que viña prestando o servizo rematou o seu contrato, co cal na negociación da nova prestación do servizo teremos que soportar aínda máis carga dado que o incremento de custos provocados pola conxuntura económica vaise trasladar ao prezo deste servizo, polo que o crédito da súa aplicación orzamentaria chega aos 377.000 euros”.

No capítulo de prestacións sociais cabe destacar tamén a inclusión de actividades para o envellecemento activo (5.000,00 €) e a partida para atender o cumprimento dos Plans de Igualdade de cidadanía e do propio Concello e o protocolo contra o acoso e para manter o servizo de transporte para as vítimas de violencia de xénero, apartados que contan cun importe total de 12.300 euros. Outro dos gastos deste capítulo é o pago a SOGAMA polo lixo xerado, aínda que a compostaxe en Vilaboa reduce cada ano a factura que para 2024 está prevista en 140.000 euros.

O orzamento recolle tamén un incremento de 128.200 euros para cubrir as retribucións do persoal recollidas na Lei 31/2022, de 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023, prorrogada no exercicio 2024 e os créditos correspondentes á aportación municipal para a contratación de persoal no marco dos programas de Cooperación da Deputación de Pontevedra e Aprol Rural.

No apartado de investimentos destaca a restauración do Muiño do Toxal, avance nos parques do Canaval en Figueirido e no de Riomaior, o mirador no Monte do Cabalo e a continuidade da rede de saneamento, entre outras moitas actuacións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *