O vial que o Concello mellorará.

A obra, na estrada que une os lugares de Coruxeiro, Outeiro do Gato e Toural, inclúe tamén a instalación da rede primaria de abastecemento municipal

O Concello de Vilaboa avanza na súa programación para este ano de mellora dos viais municipais para dotalos dunhas condicións axeitadas que garantan a seguridade vial e dos peóns. É o turno da estrada que une os lugares de Coruxeiro, Outeiro do Gato e Toural, na parroquia de Vilaboa e nela o Concello investirá 187.037 euros para eliminar as actuais fochancas e sustituilas por unha pavimentación axeitada. A obra inclúe a execución ou mellora das redes de pluviais para o facilitar un correcto drenaxe da auga da choiva así como a separación do tránsito peonil cunha senda á mesma cota que o firme, nos treitos que o longo do vial o fai posible.

A memoria desta obra inclúe tamén a instalación da rede primaria de abastecemento municipal, en alta presión; deixando así previsto este servizo e evitando danos futuros no pavimento para a colocación da tubaxe.

O proxecto contempla tamén a consolidación estrutural da cuberta do lavadoiro, actualmente de fábrica de ladrillo e formigón, que presenta fisuras de consideración que comprometen a súa estabilidade. Tamén se procederá á pavimentación e acondicionamento da área recreativa que se encontra na traza do vial.

Os traballos a executar consisten na limpeza mecánica do vial e manual de cunetas, con retirada de terras e materiais depositados nas mesmas; a pavimentación de mistura bituminosa en quente sobre regos de imprimación e adherencia, previo fresado dos entronques cos viais existentes e cos accesos ás fincas, así como recalce con formigón de tapas, arquetas, reixas, etc ata nova cota do pavimento; a pavimentación de senda peonil con aplicación de slurry coloreado sobre o firme rematado; pavimentación de treito intermedio, de plataforma única para vehículos e peóns, mediante lastro de granito silvestre, con rexuntado de morteiro beige, sobre base de formigón; instalación de rede primaria de abastecemento mediante tubaxe de fundición dúctil, incluso pozos, accesorios, hidrantes para incendios e chaves; demolición de cuberta de fábrica de ladrillo e formigón existente no lavadoiro, así como construción de nova cuberta formada por estrutura de madeira con tratamento axeitado para intemperie e ambiente húmido e remate con tella curva do país; pavimentación terriza na área recreativa, substitución de peche por talanqueira con postes e travesas e colocación de mobiliario urbano; limpeza e reapertura da rede existente de recollida de augas pluviais; pintado de marcas laterais e central de calzada mediante pintura reflexiva e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal; colocación de sinalización vertical segundo planos, con poste galvanizado, debidamente cimentados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *