Empresas, colectivos e Concello consideran que a mellor época para degustar un produto de primeira calidade a unha temperatura agradable é a primaveira
A primavera en Vilaboa estará cargada de gastronomía con dúas citas imprescindibles para os amigos do bo comer e do bo beber. A primeira é a segunda edición da Festa do Mar, que será o 22 e 23 de abril, e a segunda a Festa do Viño, reservada para o 6 e 7 de maio. Ambas se celebraron o ano pasado durante os meses de verán pero, tanto as empresas e colectivos que colaboran na organización como o propio Concello, consideran que a mellor época para ofrecer un produto de primeira calidade e, ademais, consumilo cunha temperatura agradable, son os meses de abril e maio. Participarán tres restaurantes, catro adegas e, por primeira vez, unha panadería para poñer a guinda doce ao menú mariñeiro.
Ameixas, mexillóns ou chocos da enseada de San Simón serán os produtos estrela da Festa do Mar de Vilaboa que se celebrará a cuarta fin de semana de abril no Adro de Festas de San Adrián. Sempre acompañados de caldos con Denominación de Orixe (DO) Ribeiras do Morrazo e música para amenizar as dúas xornadas. O sábado 22 a partir das 21:00 horas están previstas as actuacións de Caamaño & Ameixeiras e de Xabier Díaz. O domingo, desde as 12:00 horas, concerto da Banda de Música de Vilaboa. Ademais de actividades para os máis pequenos como inchables e xogos infantís.
A apertura das casetas tanto sábado como domingo será ás 12:00 horas, mentres que o peche varía. O sábado será ás 00:00 horas e o domingo ás 16:00 horas. Do mesmo xeito que na segunda festa, a dedicada aos caldos da terra que xa cumpre a súa décima edición e que aglutinará a 12 casetas. Chegará a primeira fin de semana de maio á chaira situada baixo o viaduto de Riomaior e nesta ocasión está prevista a actuación estelar de Milladoiro o sábado a partir das 22:00 horas e o domingo desde as 12:30 do grupo de gaitas «Aires de Cobres».
«Exaltación dos produtos da ensenada de San Simón»
O alcalde de Vilaboa, César Poza, explicou que con estas festas buscan a «exaltación dos produtos da enseada para dalos a coñecer», ao mesmo tempo que converter estes espazos gastronómicos en «puntos de encontro da xente de toda a comarca». Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, quixo agradecer a colaboración e a disposición da Confraría de Pescadores, dos bateeiros e de todas as persoas que colaboran na organización para que estas festas sexan posibles.
No recinto, ademais, o Concello realizará un labor de propagación turística a través da instalación dunha caseta municipal na que os asistentes poderán atopar información de todos os roteiros e paraxes que poden visitar durante a súa estancia en Vilaboa.