Ás 8:00 horas desta mañá os bañistas tiveron que saír da auga ante a suciedade que tiña a piscina pola falta de cloro. O peche previsto é de 13:30 horas a 16:00 horas
A situación do Centro Deportivo de Moaña vai a peor. Se a semana pasada saían á luz as malas condicións en que se atopan as instalacións con pingueiras e humidades, a auga das duchas moi fría ou moi quente, e as máquinas do ximnasio sen servizo porque están estragadas, hoxe a piscina estaba sucia por falta de cloro e os bañistas que a primerísima hora decidiron meterse foron desaloxados polos traballadores a iso das 8 da mañá. Unha hora antes xa lles advertían da situación pero a falta dunha orde da dirección impediu que se pechase ao baño moito antes. «É o peor momento da piscina e levo vindo case desde que abriu», opinaba unha usuaria esta mañá ás portas do Centro Deportivo, que asegura a «piscina estaba sucia e que a auga da ducha hoxe esta fervendo». «Cada vez vai a máis, na piscina hai pelos e de todo», apuntaba a mesma moañesa, que esta mañá tivo que abrir o paraugas dentro dos vestiarios. «Leva a mesma pingueira sete anos», explicaba outra usuaria.
«Están a utilizarnos como cobradores do Frac»
Baixo estas condicións, empregados e usuarios mobilizáronse esta mañá tanto ás portas da Piscina Municipal como tamén diante do Concello. Segundo Miguel Pena, delegado de persoal do Centro Deportivo, o que lle trasladan desde a empresa é que o Concello ten unha débeda duns 80.000 euros coa empresa por non actualizar as tarifas anualmente, tal e como recolle o contrato asinado entre o consistorio e a concesionaria, FCC-Aqualia, en 2009, o que lles obriga a pechar de 13:30 a 16:00 horas de luns a venres e os sábados pola tarde. Unha medida que ten as súas consecuencias no persoal de traballadores, que á súa vez ven recortadas as súas nóminas. «Queren reducir custos salariais e están a utilizar ao traballadores como cobradores do Frac ante o Concello, o que vai traer consigo un problema na vecinanza de Moaña», advertía Pedro Perez, da CIG Servizos, asegurando que «a empresa entende que, ademais da compensación de 44.000 euros que lle deu o Concello por estar pechados durante o Covid, tamén debe ser compensada pola carestía da vida e iso tradúcese nunha redución de salarios».